© blog: Son de Oleiros

jueves, 27 de mayo de 2010

A DÉBEDA DOS CONCELLOS

Desde Felipe González a Zapatero, pasando por Aznar, tódolos executivos tiñan proxectado e apalabrado o respaldo ao municipalismo. Unha débeda histórica que no contexto actual de crise xeral non só é obviada senón que, ademais, paralízase a capacidade das administracións locais para seguir a prestar uns servizos que supoñen o 23% sobre o valor do percibido polos cidadáns, namentres os ingresos dos consistorios supoñen, por tódalas vías, un 15% da disponibilidade de recursos públicos.
Diante desta fenda financieira a meirande parte dos concellos, para seguir prestando os mesmos servizos aos cidadáns -en moitos casos encarnando obrigas que corresponden de feito a administracións supramunicipais- veñen optando pola venda do seu patrimonio, principalmente solo, e, cando isto non é posible, pola tramitación de préstamos bancarios, nun principio para abordar inversións, e, nestes momentos, mesmo para facer fronte aos gastos correntes. Este desfase é escandaloso cando conflúen factores como o de vivir por riba das posibilidades, investir en actuacións megalómanas e administrar con pouca ou ningunha coherencia a proporción entre o tamaño físico-humano do municipio e o do aparato funcionarial, o cal ven dando lugar a situacións de quebra real, enmascaradas por operacións crediticias, con endebedamentos por riba do 100% sobre o importe do presuposto anual. Demoras e impagos arrastran a miles de pequenos provedores
á ruína namentres o déficit do Estado acada niveis de record.
A solución para esta situación non semella pasar por penalizar a todos por igual. Hai miles de exemplos de concellos ben administrados, con niveis de endebedamento ínfimo, coas equipas de goberno moi axustados, sen gastos suntuarios en parque móbil, telefonía ou patrocinios nepotistas. E isto a pesares do lastre que supón facer chegar aos cidadáns tamén servizos que tiñan que estar prestando as CC.AA. Ou o Estado.
Por tanto, é xusto aplicar medidas leoninas a todos por igual? Moitos gobernos municipais do selo PSOE, como si gozaran de información privilexiada sobre as intencións do Gabinete Zapatero, xa tiñan convocados plenos apriorísticamente nos que tratar de solicitudes de crédito ata o máximo legal (125% sobre o importe do presuposto anual), denantes da entrada en vigor do decreto prohibicionista o 1 de Xaneiro de 2011. Eses concellos van a engulir o pouco líquido dispoñible nas entidades nun prazo breve. En cambio, os mecanismos de control sobre o gasto público seguen sen poñerse en práctica. Ademais moitos deles deben de estar obsoletos. Cómo se non entender que alcaldes de municipios de mil habitantes cobren o mesmo que outros que gobernan vilas de 100.000?. Cómo entender que en Os Blancos, en situación de quebra, haxa 65 funcionarios municipais para unha poboación de 980 habitantes?. Cómo dixerir que para atender a Casa da Cultura de Ourense, con dúas portas, figuren en nómina 19 porteiros? O cal, segundo Baltar, non é máis ca o chuquilate do loro.
A Operación Muralla, que comprometía as políticas cacharristas, está en suspenso porque non hai decisión política para estudar a documentación incautada e meter en cintura a quen corresponda. E iso é o que lle fai falta ao Estado: meter en cintura aos tramposos, aos que despilfarran e defraudan o suor dos que agora van ver aminorados os seus ingresos nunha especie de burla do destino. Garzón loitou contra as tramas de vividores a costa da política que teñen enmerdado o prestixio da dedicación máis nobre. E os poderes fácticos, os mesmos de sempre, paralizando a acción da xustiza, fortalecendo a sensación de impunidade na que se moven as mafias legais e sementando a idea de que todo vale, de que tonto o último... e fornecendo o odio social en amplos sectores da poboación.

lunes, 24 de mayo de 2010

REPENSAR A SOCIEDADE

Tanto Felipe González como Aznar, desde postulados ben diferenciados, coinciden en apuntar a necesidade de repensar a sistema polo que se artella a convivencia social na vella Europa en crise. O primeiro enfatiza a importancia de investir en I+D+I e o segundo avoga aínda por uns mercados de traballo e un marco de comercio máis liberais. Sorprende que semellantes visionarios con grandes doses de información privilexiada e mamando das ubres do Capitalismo feroz teñan unha chave mestra cando nas súas executorias non tiveron en conta a data de caducidade dun estado de benestar fundamentado nunha situación de bonanza irreal, cos piares en actividades económicas especulativas, que só beneficiaban a unha oligarquía ben relacionada con Ferraz e Génova e deixaría en coiros a moitos que quixeron xogar a ser ricos.
Agora que a crise afondou ata extremos formidables e as voces son de alarma extrema nos corrillos onde se maquinan os asaltos golpistas ou “democráticos” ao poder, e cando compre introducir dun xeito novo, en claves de século XXI, o repensamento da sociedade. Entre a desesperación do benintencionado Zapatero e o concepto de política como enfrentamento partidista de Rajoy, hai unha necesidade obxectiva que atender para ben da sociedade española: o cuestionamento do Sistema político que ordena a nosa convivencia, a nosa capacidade produtiva e o estado de benestar.
Entre os sesudos ideólogos de ambas formacións con dez millón de electores como respaldo efectivo chama a atención que non teña xurdido referencia ningunha sobre aspectos que teñen de rachar a dinámica actual da sociedade, cales son:

-Cuestionamento dos valores transversais que están no miolo da convivencia diaria, desde a escola, ata o regulamento dos mensaxes dos mass media, pasando polo trato preferente que preside as relacións do Estado con institucións que se interpoñen entre o cidadán e a liberdade.
-Necesidade de devolver ao Parlamento e aos órganos de Goberno o prestixio perdido por mor do seu inmobilismo e ausencia de protagonismo nos momentos en que son máis precisos o liderazgo e a gobernanza.
-Fixación dun completo corpus de medidas que impidan a compravenda, especulativa e concentrada en poucas mans, de materias primas, alimentos básicos, divisas e débeda pública dos Estados.
-Acabar co trato de privilexio ás grandes multinacionais e grupos de poder. É a hora de que os partidos, no seo desta crise formidable, deixen de actuar en clave electoralista e, sen obsesión pola posible perda de apoio electoral, adopten o paquete de medidas precisas para mudar xeitos de Administración que xa non valen. Non se lle pide á Xunta ou aos Concellos que creen empresas, pero, alomenos, que non paralicen o florecemento de pequenas inciativas de autónomos con esixencias de papeleos custosos e interminables, dictámenes técnicos que tardan meses, solicitudes de marcas rexeitadas por sistema e silencios administrativos que só rachan sobre discretos. Xenera odio social que grandes clubes de fútbol gasten millóns de euros en fichaxes tendo débedas inxentes coa Seguridade Social e con Facenda namentres se pecha o crédito aos concellos.
Soros provocou o afundimento da libra esterlina e unha crise sen precedentes na Gran Bretaña; catro especuladores afundiron Grecia nunha semana, están atacando ao euro mercando e vendendo grandes sumas as vintecatro horas do día, gañan fortunas inimaxinables apostando pola caída de valores apoiados no rumor sementado en espazos contratados en grandes medios e fan inútiles as medidas desesperadas de aforro do goberno de Zapatero.
Sobre estes aspectos como sobre tantos outros a preguiza lexislativa de Bruxelas e dos Estados, e falta de capacidade de xestión da clase política en España son un lastre que anticipan para Europa un papel terciario no planeta ao cabo desta década.

Versión en castelán

sábado, 22 de mayo de 2010

REVELA 2010

CHEQUEO Á SITUACIÓN DA INFANCIA NO MUNDO

E moi salientable que un concello pequeno cal é o de Oleiros sexa quen de organizar un certame fotoperiodístico de nivel internacional e gran recoñecemento nos medios especializados. “Revela”, na presente edición dende o 18 de Xuño ate o 18 de Xullo, vai desenvolver o tema capital da situación de ameza que está a vivir a infancia en grandes rexións do planeta, en condicións de explotación laboral, emprego como forza bélica, como vítimas e tamén axentes de violencia física e psíquica e privacións de dereitos elementais como o acceso á educación, aos alimentos máis básicos e á cobertura sanitaria, como carne de prostitución...
Revela é un acontecemento que concita a participación dos mellores fotorreporteiros do mundo, non só pola calidade diferencial das propostas senón tamén porque proporciona unha ocasión, por infrecuente máis valiosa, para a exposición pública de propostas valentes e políticamente incorrectas que poñen o dedo na chaga arredor da verdadeira índole dos problemas, sen sufrir mutilación ningunha da censura, grazas á conciencia colectiva e solidaria dun pobo que se preocupa, máis aló do necesario coidado estado das súas infraestruturas locais, polos dramas que se están a vivir en tantas rexións dun entorno cambiante. Así, o traballo premiado este ano cunha bolsa de 12.000 euros aborda a situación infrahumana que se vive nos cárceres do norte de África.
Esa conciencia crítica funciona no ámbito de Certame como unha roda de transmisión de valores, pois tamén está incentivada a participación de mozos e mozas en etapas formativas a través de Revela na Escola, unha actividade parella na que alumnos de secundaria de calquera centro galego son sensibles diante de aspectos da realidade que motivas a súa reacción e a necesidade de expresarse.
Parabén a Oleiros, ese rincón do Finis Terrae que dá unha lección de compromiso e resiste os intentos de invasión dos mass media, armados cun arsenal de opiáceos: fútbol, vída íntima de famosos impúdicos e do lumpen, máis fútbol, o dolce far niente e o consumismo nos centros comerciais... Revela 2010 é un lategazo na conciencia colectiva, unha voz que se ergue para dicir que estamos vivos e que ata os máis pequenos xestos solidarios importan.


VERSIÓN EN CASTELÁN

miércoles, 12 de mayo de 2010

AS ORELLAS DO LOBO

Tímidamente, sindicatos e colectivos de funcionarios protestan as medidas anunciadas polo goberno socialista este mércores pola mañá para frear o crecemento da débeda pública. Mais aló da compresión do pau que supón para calquera economía doméstica a redución dos ingresos, hai que dicir que o peso medio salarial dos empregados públicos pasou de ser o máis pequeno hai trinta anos a superar nun trinta e tantos por cento ao de traballadores da empresa privada coa mesma cualificación, e case que a duplicar o dos varios millóns de cidadáns cobrando o salario mínimo.
Ben certo é que ninguén lle vai poñer o cascabel ao gato: a oligarquía de políticos que goberna promulga leis e decretos que primeiro teñen en conta o trato de favor que seguen a recibir eles mesmos e, por extensión, os altos mandos na escala funcionarial: unha lacra verdadeira, pois sendo os que menos traballan reciben primas e dietas vergoñentas e pouco edificantes nos tempos que corren. Ese cancro contaxia ademais a boa parte da base. Dánse uns niveis de absentismo laboral superiores ao vinte por cento; roubos de materiais; impuntualidade e incumprimentos de horarios e ao mesmo tempo facturacións de horas extras a esgallo para facer case que nada ou o que tiña que estar feito polas mañás. Porque en termos absolutos dos tres millóns cen mil funcionarios que existen na actualidade, sobran máis da metade. Os sucesivos gobernos foron engordando a inversión fixa en persoal por razóns electoralistas, por amiguismo e por prácticas nepotistas. Ningunha empresa privada duraría catro días aberta coa situación de caos, falta de control e dirección, inconcreción de obxectivos, multiplicación de persoas para unha mesma función, desgana e falta de compromiso coa xestión, a formación e a reciclaxe que caracteriza a grandes bolsas de funcionarios. Unha situación que leva aos que si teñen ganas de traballar e actúan con responsabilidade -e hai moitos- a sacrificarse ás veces máis do recomendable cando non a recibiren un trato acosador e vexatorio de parte dos vagos de profesión.
Algunhas das funcións e tamén un número de servizos que receben os cidadáns é lóxico que sexan dispensados desde a titularidade pública. Moitos deles parten da conciencia solidaria, supoñen un esforzo económico para o conxunto dos cidadáns e aportan un plus necesario de tranquilidade de que o primordial medido non en termos de rendibilidade económica senón de contribución ao estado de benestar está asegurado. Mais é preciso delimitar moi ben cales son eses servizos, para privatizar o resto e gañar así en eficacia na xestión de recursos materiais e humanos, cunha consecuencia inmediata na redución de custes: na sanidade, no mantemento de xardíns, no ensino... mesmo na Xustiza. Por que o cargo de xuíz ten de ser vitalicio? Hai que acabar co trato diferencial: no seno da empresa pública, entre traballadores públicos e privados, entre traballadores por conta allea e autónomos, entre pensionistas... É aberrante que un político retirado conserve coche e segredaria e cobre unha pensión multimillonaria por ter traballado catro anos; é aberrante a distancia entre a pensión mínima e máxima; é aberrante que un traballador cunha vida laboral de corenta anos perciba 650 euros de pensión como tamén o é que algúns estean na casa ou nos seus chollos particulares retirados aos 48 anos e a outros, sempre os mesmos, se lles esixa que sigan ata os 67. Nas medidas do goberno faltan alusións a acabar cos contratos blindados nas Caixas de aforros, coas primas astronómicas a conselleiros delegados e directivos de empresas privadas que explotan aos traballadores aproveitando a descompensación entre a oferta e a demanda de operarios; faltan alusións á necesidade que temos de espremer o tempo laboral que se precisa, remunerado cos impostos de todos, de médicos, catedráticos, deputados, senadores e congresistas. Faltan referencias concretas sobre a eliminación das primas millonarias a mandos da garda civil, a policía xudicial, a xudicatura e os segredarios xerais. Faltan alusións á urxente necesidade de abordar a implantación dunha Administración única, á supresión das Deputacións, a eliminación do Senado. Con Grecia vímoslle as orellas ao lobo. En realidade, algo máis que as orellas, porque a oligarquía política non da sinais de querer mudar un sistema superado en esencia, a máis de podrecido pola corrupción e o trato de favor.

lunes, 10 de mayo de 2010

DISPUTAS TERRITORIAIS

A propósito do deslinde de Santa Cristina di una concelleira da cidade herculina que o areal é dos coruñeses. Sen dúbida fala atendendo aos mesmos criterios de presión demográfica polos que o Consultorio capitalino pretende a maioría absoluta na toma de decisións do Consorcio, desprezando o factor territorial.
Vai ser que ese estilo de chulerías latexa tras do complexo de superioridade que tradicionalmente ten levado a tratar como pailarocos -no senso mais pexorativo da palabra- aínda con taparrabos aos que vivimos ao outro lado da ponte da Pasaxe. A boutade dos socialistas coruñeses equipárase á reivindicación dos pensionistas ingleses acerca das Canarias polo feito de pasaren o retiro nas illas.
O concello de Oleiros é un gran pulmón, un area de recreo para os coruñeses dende que nos anos cincuenta os suecos introduciron en España as bondades dos baños de mar e de sol. O goberno municipal fai un esforzo económico en dotacións e mantemento para brindar unha opción de lecer nas mellores condicións a custo 0: non hai zonas azuis, nin de residentes por parte ningunha e funcionan en tódalas praias e os seus contornos servizos de emerxencia, protección civil, regulación do tráfico, socorrismo, limpeza de areais, etc. Paréceme que é un xeito de entender as cousas públicas desde o concepto dunha grande area metropolitana solidaria, pois o gasto en hostalería dos visitantes non compensa nin en porcentaxes ínfimos todo ese despregamento de medios. E ben está introducir eses conceptos de interacción cos veciños que ten levado ao Concello de Oleiros a limpar tamén o area de praia “coruñesa”. Outra cousa é admitir o vasallaje: namentres que o goberno de María Pita manteña a súa reivindicación da punta do areal corresponderalle polo menos responsabilizarse dos servizos de socorrismo e vixilancia. E si pretende que o fagan os oleirenses, compre que os Losada, Barcón, Marón... recoñezan o dereito lexítimo de aqueles a recuperar a súa integridade territorial usurpada. Pero para iso precisaríase o seu esforzo en acudiren ás fontes da Historia libres de prexuizos e despoxados do chauvinismo co que se buscan as rendibilidades electorais que non se alcanzan co traballo do día a día nos barrios.


Video de Cartas a Elisa

viernes, 7 de mayo de 2010

ESTRATEXIAS DE DISTRACCIÓN

Hanme chamar raro pero a min paréceme un atentado contra a ética, unha provocación esa programación da Sexta á hora da cea na que desfilan multimillonarios amosando as súas mansións, iates, xoias e roupeiros con xéneros de pasarela ao tempo que fan afirmacións do tipo: “ser probe e unha vulgaridade”. E levarán razón. A pobreza asola a varios millóns de familias vulgares. Moitas delas, para distraer a fame, ven a televisión que segue a ser un electrodoméstico económico.
Zapatero e Rajoy falaron de Grecia, da posibilidade de que os especuladores utilicen o rumor para tombar o valor dos bonos e a economía dun país. Mais ignoro o que terían afondado no drama e na profunda depresión que leva a moitos pais ao borde do suicidio por non poder aseguraren que tan sequera haberá un prato de sopa para cear mentres os fillos ven desfilar nos programas de “Mujeres ricas” e “Quién vive ahí” a persoas de carne e oso baixo o mesmo ceo, facendo aparecer o luxo ostentoso como algo normal no transcorrer dos días.
Ben está que a xente sen traballo nin medios non saia a pegar tiros á rúa. Ben está que aceten que esta crise é o fracaso do modelo neoliberal e capitalista que brinda as maiores oportunidades a especuladores e intermediarios, e que para remontala vai ser preciso un plus de capacidade de sufrimento e tamén de comprensión cara á clase dirixente espida de autoridade bastante no concerto económico multinacional.
Namentres, o que si compre esixirlle ao Goberno e á Oposición é que sexan sensibles co momento, xa ben prolongado, polo que están a pasar moitas familias e se poñan de acordo para frear esa provocadora ostentación dos ricos cada día máis ricos nos programas lixo e, aínda mais, para poñerlle fin á impunidade pouco edificante coa que viñeron corrompéndose e apodrecendo dun diñeiro roubado ao pobo, e nunca devolto, presidentes de Comunidades Autónomas, tesoureiros dos Partidos, senadores, segredarios xerais, directores da Garda Civil, do Teatro Liceo, do BOE... Porque España é hoxe un polvorín de emocións contidas, se non queremos empezar a ver cócteles Molotov nas rúas compre que Zapatero e Rajoy desboten a pereza institucional, baixen da nube, e traballen xuntos algo mais que dúas horas cada ano e medio para tratar tamén da nosa intrahistoria, ao de cada día nos fogares, tamén nos máis humildes, aos que lles deben máis referencias que os complexos e fríos datos da macroeconomía cos que non se cea a diario, máis consideración e menos estratexias de distracción co fútbol e con “Mujeres ricas”.

____________________________


A NOVA PISCINA DE DORNEDA, en Rialta, vai empezar a funcionar en torno ao día 15 de Xuño. Trátase dunha instalación moderna, con dous vasos bañados pola luz exterior, ximnasios, bestiarios e saunas, todo ben amplo, dotada ademais de accesos e zona de aparcamento que van facer moi grato o uso frecuente, especialmente aos veciños do saco norte do Concello que terán a un tiro de pedra un instrumento potente para coidar da forma física e tamén para desenvolver a súa vida social e participativa..
Oleiros sitúase na vangarda dentro de todo o Estado en canto a disposición de instalacións deportivas de toda índole e propostas de actividades monitorizadas para tódalas idades. O capital que suman o entorno natural privilexiado e as acción planificadas do goberno municipal coa colaboración veciñal elevan os estandares de calidade de vida e acceso a hábitos sostibles a unha cota equiparable á dos países máis desenvolvidos de Europa.

jueves, 6 de mayo de 2010

A FRUSTRACIÓN DO REFORZAMENTO IDEOLÓXICO NOS CONCELLOS INDEPENDENTES



Desde que Ortega insistira na, sempre por facer, necesidade de vertebrar España, a clase política e a sociedade ao rebufo veñen a darlle a razón ao filósofo no seu pesimismo razoado. Nin tan sequera unha guerra fratricida e unha represión cruel que deixou unha fenda pechada en falso foron experiencias suficientemente demoledoras como para tentar rexeitar a violencia na resolución de conflitos con perspectiva mental e educación na democracia.
Así, os partidos con opcións de goberno no Estado encarnan esa cólera, esa carraxe do ansia por mandar que comporta unha falta de entendemento de oficio, como un exercicio de anteposición sempre dos intereses partidistas por riba dos do país. O papel da oposición, lonxe do suposto de ofrecer propostas alternativas, céntrase en desexar que fracase a formación que goberna, cuxa función, en troques, é a de minusvalorar a demanda dos espectros políticos sen acceso á toma de decisións.
A práctica sistemática do odio conduce a situacións tan esperpénticas como que o presidente do Goberno e o líder da Oposición, que representan xuntos a máis de vinte millóns de votantes, só veñan a reunirse unha vez cada ano e medio e solo en situacións de excepcionalidade extrema. E nada mais rematar a xuntanza, como as beatas ao saíren da misa, quentan coa mesma semente do odio as mentes dos cidadáns que quererían saír da crise económica e de valores de xeito xamáis traumático. Esa práctica premeditada do odio ao diverxente con fins electoralistas e de abordaxe do poder trasládase, a escala, ás varias ducias de municipios de todo o Estado onde veñen gobernando partidos independentes, con un pequeno respaldo demográfico, en contextos locais. Neses casos, os alcaldes e equipas de goberno concentran sobre eles todo o odio e a maquinaria de destrución en poder dos grandes partidos, posuidores de medios económicos cos que mobilizar a propaganda para enconar e enfrontar aos veciños, e para sementar de novo o odio e instrumentar a falta de entendemento como unha estratexia apriorística, evitando o diálogo político e a utilización da negociación, e facendo uso prepotente da súa titularidade como elementos de autoridade supramunicipal para estrangular o fluxo de inversións neses concellos que aspiran tamén a gobernar. Cando na transición naceran esas Galias pequenas, esas alternativas de goberno de progreso independentes da bicefalia invertebrada -non confundir coas propostas xurdidas dos tránsfugas con desexos de facer camiño afastados da loba que os amamantou-, a moitos veciños pareceulles importante enlazar a ideoloxía plural desas formacións con opcións políticas de esquerda, tentando insuflar desde o sosego a necesidade dun rearme das ideas achegado a postulados do socialismo ortodoxo, en certo modo utópico, que asegurara o mantemento dos servizos sociais e dos fondos de solidariedade mesmo nos momentos de vacas fracas, aínda que para ilo houbera que pospoñer actuacións máis rechamantes pero de menor impacto na calidade de vida.
Mais a aposta por ese rearme ideolóxico pola esquerda nunca fraguou. Os partidos supramunicipais que reivindicaban o socialismo no enfrontamento en instancias do arco parlamentario como un instrumento de distinción de cara ao electorado perderon tódolos seus sinais de identidade na dimensión xeográfica e electoral dos municipios, onde dar apoio ideolóxico a alcaldes independentes suporía para esas formacións a asunción de demorar ou relativizar a necesidade da súa presentación como alternativa de goberno. E iso é moito pedir para unha clase de “utópicos” que, na realidade, teñen fame de mandar, se é preciso entrando no xogo vello das oligarquías, quentando os ánimos das xentes de ben, e amosando coas súas actitudes de levantar confrontacións mesmo onde pode haber coincidencias que non están na política por vocación de entrega a os ideais senón para facer carreira.
O estado de ánimo actual nas formacións independentes que gobernan en varias ducias de concellos do Estado é dun certo desencanto e, por reacción, acentúase o peche de filas en torno á pura defensa dos intereses veciñais, no día a día, sen preocuparse moito de encadralo ideolóxicamente. Namentres, o tempo vai pasando, e con ilo, afóndase na desideoloxización da España invertebrada.


VERSIÓN EN CASTELÁN




miércoles, 5 de mayo de 2010

A SUPRESIÓN DA EDUCACIÓN FÍSICA NO BACHARELATO


SON DE OLEIROS (sondeoleiros.com)

O sucesivos Gobernos non viron a necesidade de loitar contra o tabaquismo con medidas lexislativas ata que os gastos derivados da atención a afectados por EPOC (enfermedade pulmonar obstructivo conxestiva) e cancro superaron aos ingresos fiscais pola venda de cigarros. Aínda hoxe, tamén en parte por mor dunha inercia cultural que os políticos, co medo electoralista no corpo, non afrontan, a lexislación sobre dereitos e deberes do fumador é tan laxa que non ten en conta a absoluta necesidade de protexer do fume do tabaco a cantos non queren envelenarse: non fumadores, embarazadas, cativos, camareiros...
No asunto da integración da Educación Física na oferta de actividades escolares dentro do curriculum de bacharelato, moito me temo que a Administración non ten pensado cuestionar a absurda supresión da materia ata que as voces de alarma sobre o incremento exponencial da obesidade severa non acaden un eco maior e os gastos sanitarios derivados de dar asistencia a unha porcentaxe superior xa ao vinte por cento da poboación xuvenil non sexan constatados como insoportables.
As doenzas derivadas da gordura chegan para quedarse e son moi graves: hipertensión, diabete, artrite, ateroesclerose, insuficiencia cardíaca, problemas circulatorios e respiratorios, cancro... ata completar unha listaxe interminable.
O grave da supresión da actividade física nos tramos de bacharelato é precisamente a afectación a rapaces e rapazas vivindo na etapa do afianzamento de hábitos que xa van acompañalos o resto das súas vidas. Os poucos adolescentes que se engancharan a unha práctica deportiva concreta por formar parte dun club terán máis doada a fidelidade á actividade física. Mais a gran maioría encherán as súas horas de ocio con actividades que escasamente comportan o coidado do corpo. Só unha proporción pequena da xuventude recupera se cadra uns anos máis tarde o hábito do exercicio atraida por campañas municipais ben valiosas, cando toma conciencia da súa forma física paupérrima.
É unha aberración a supresión no curriculum escolar dun hábito saudable tutelado por persoal cualificado, licenciado en Educación Física. E non estamos a falar da necesidade de poñer unha nota ás habilidades deportivas dos nosos fillos senón de incluír na súa vida de diario a práctica hixiénica de exercicios e xogos deportivos individuais e no grupo, polos beneficios imprescindibles para o crecemento harmónico que comporta: físicos, emocionais, de desenvolvemento de pautas de colaboración, capacidade para o esforzo, focalización de obxectivos, concentración, valoración das dificultades como oportunidades, mellor resposta fronte a factores de stress e ansiedade, etc., etc., etc.
Un dos nichos de creación de postos de traballo por encher, nestes anos de crise, está no area da Educación Física e a práctica deportiva, que xa terían que estar de volta nas aulas de Bacharelato. Porque un país que presume de estar na vangarda en porcentaxe de recursos dedicados a benestar social non pode permitirse o luxo de educar tomando ao individuo como unha mente disociada do corpo, se non queremos que as residencias xeriátricas se enchan, precozmente, de enfermos dependentes, pagando por ilo unhas peaxes materiais e inmateriais que empezan a dar medo.








Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...