© blog: Son de Oleiros

lunes, 27 de septiembre de 2010

A atracción sectaria por unha Igrexa fora da lei

Moito engancha o medo como recurso para manter grandes cotas de fidelidade a través do tempo: o medo á fame, á pobreza, á violencia, á dor, ao castigo divino... o medo ao medo. Como senón entender a pervivencia de catrocentos millóns de adscritos á Igrexa Católica, observando submisión á doutrina Vaticana. Pasaron quince anos desde que a mafia e a propia xerarquía eclesiástica cortaran cabezas de turco cando saíron á luz os procedementos da Banca Ambrosiana, Vaticana, apropiándose do aforro de milleiros de familias para blanquealo e derivalo aínda máis a inversións participadas en petroleiras, gasísticas e multinacionais na fabricacións de condóns. Juan Pablo I fora asasinado por querer mudar as cousas intramuros.
O papa actual, encubridor de pederastas e cun pasado na militancia nazi, é a cabeza visible dunha maquinaria de blanqueo outra vez engraxada e descuberta in franganti esta semana, operando desde bancos alemáns. A resposta da cúpula: solo con Ave Marías non se mantén a Institución.
Ao mesmo tempo, o abuso de menores por parte de curas e bispos nunha proporción inxente é minimizado desde Roma e algún arzebispo mesmo lle bota a culpa á fermosura desafiante dos efebos, namentres condenan: o aborto de mulleres violadas -como arma de guerra-, o uso do preservativo na África subsahariana, o uso de células nai para combatir doenzas, a planificación familiar, os avances científicos que compiten coa acción de Deus -que sen embargo eles si empregan para prolongar a súa calidade de vida: Wojtyla recibía infiltracións antioxidantes de seis mil euros ao mes para frear o Parkinson-... O Vaticano consigue que os seus ministros pederastas en todo o mundo eludan ó cárcere e, ao mesmo tempo, excomulga aos curas que levan unha vida de plenitude coa súa parella, co argumento de que non se pode cambiar o legado de Deus, como se a Biblia e o Novo Testamento non foran senón obra dos homes que a Igrexa si reinterpreta ao seu antollo para favorecer cambios de posicións interesadas.
A Igrexa ten matado coas súas mans a científicos, promovido guerras santas e está detrás de tiranías escurantistas e dos golpes de Estado mesiánicos contra fórmulas de goberno e convivencia que non precisan de Deus nin de monarcas para vivir en paz.
E agora, dous milenios despois, segue a argumentar escaseza de recursos para xustificar prácticas ilegais, cando o certo é que o Vaticano é un Estado podre de diñeiro obtido de xeito sucio e empregado en aumentar o poder da Xerarquía sen salpicar aos curas de base, que viven da esmola e dos presupostos dos Estados, que, por outra banda, conceden asignacións de miles de millóns á Igrexa cada ano e invisten outros tantos en rehabilitación e coidado do patrimonio que o Clero entende exclusivamente como seu. Nun Estado que se auto-cualifica de moderno, laico, aconfesional e respectuoso coa pluralidade relixiosa e cultural terían de ser os católicos os que sustentaran a estrutura que precisan para desenvolver os seus rituais e actos de convivencia, seguindo o exemplo doutras comunidades relixiosas ninguneadas con frecuencia desde o complexo de superioridade occidental que leva implícito unha fe que, para afianzarse, ignorou e matou as fontes milenarias que a inspiraron. Ese uso perverso das Historia, ese escurantismo maniqueo practicado desde o Vaticano, está detrás do desencontro crecente entre unha base autorizada e consecuente de crentes e unha cúpula de delincuentes comúns que manchan o legado recibido como tamén fixeran os fariseos expulsados por Xesús do Templo onde argallaban os seus negocios.

lunes, 20 de septiembre de 2010

¿Apoiar ou non a folga? Repensar o sindicalismo

A propósito da ubicuidade presente, case que remontando silencios de anos pasados, dos dirixentes sindicais, atopo demasiadas manifestacións pola súa parte definindo conceptos como clase traballadora e empresariado moi ancoradas en escenarios máis que superados. Os liberados sindicais, na súa inmensa maioría representando a funcionarios da Administración, da Educación, do Sistema de Saúde e, en menor medida, a colectivos da gran empresa, carecen da sensibilidade ou mesmo das ganas de recoñecer na pel de centos de miles de autónomos á clase traballadora. Traballadores que son rexeitados no Réxime Xeral aínda cando prestan os seus servizos a un solo pagador que, para aforrar custos estructurais, bota man desa fórmula de vinculación laboral. Traballadores que non teñen dereito a un subsidio por desemprego como non sexa que estiveran a perder durante un ano ou mais un trinta por cento...e que, de caeren enfermos, só cobran a partir de quinto día de persistiren na situación de baixa.
No discurso dos liberados sindicais responden ás necesidades dos grandes grupos de presión, os mesmos que cos seus votos manteñen o seu status de privilexio: un perfil de traballo que non mata, soldo bo, estabilidade... Froito desa dinámica cotián, fáltalles a Méndez e a Toxo unha dose de exemplaridade moralizante cando, para facer unha posta en común de cara á folga xeral, celebran unha “comida de traballo” nun dos restaurantes máis luxosos de Madrid, ao que chegaron a bordo de grandes coches oficiais, cos seus choferes. No Reino de España aínda quedan por eliminar moitos gastos suntuarios, moitas escoltas e demasiados secretarios, subsecretarios, directores e subdirectores xerais e particulares.
Cando se escoita o eco dos discursos ácidos de Toxo e Méndez sobre a situación económica e as reivindicacións de clase, con palabras semellantes ás dos escenarios do Século XIX e primeira metade do Século XX, non podo evitar sentir unha carraxe progresiva. As doenzas da economía xa non son imputables a un empresariado maligno, con intereses irreconciliables e contrapostos aos dos seus traballadores. Os males actuais nacen da implantación dun modelo baseado na especulación e na extensión da débeda, e nisto ten un papel protagonista a Gran Banca, a Reserva Federal de EE.UU., que inventou o término “de curso legal” para facer posible a fabricación de billetes como churros, se soporte patrimonial, coa conivencia do seu goberno e, por extensión, relegando aos Estados a un papel insignificante como elemento regulador do funcionamento interesado das grandes multinacionais da enerxía e a provisión de materias primas previa explotación dos recursos, mesmo a través da forza ou a partir de intervencións “pacificadoras” sostidas por auto-ataques como os que lles serviron de pretexto para anexionarse Cuba en 1998, para intervir en Vietnam, en Afganistán... ou por narices, como en todo o Cono Sur, mercando a inter-mediación de presidentes amigos colocados con golpes de Estado.
En España, os cidadáns, promotores e pequenas empresas caeron con maior ou menor inocencia na trampa de ese sistema baseado na universalización do endebedamento sobre o suposto de que a demanda podería soster os valores das prendas. Mais eses sistemas piramidais, que sempre favorecen aos especuladores, acaban cíclicamente e ao longo da Historia do Século XX e xa do XXI por rachar, deixando un regueiro de vítimas entre a clase media, e no mundo da empresa, especialmente a pequena e mediana, con efectos de grande destrución de emprego. O prestamismo a gran escala e a concentración de poder en torno á explotación dos recursos enerxéticos fai moi visibles e evidentes aos causantes da hecatombe do sistema, da fractura social entre ricos e pobres e da involución do “Estado de Benestar” que, ao fin, e o que concita aos Sindicatos na convocatoria de Folga Xeral. Mais Zapatero pouca forza ten fronte ao escuro Fondo Monetario Internacional, fronte ás Grandes Axencias calificadoras do Risco que responden a intereses de grandes especuladores que compran e venden divisas e moedas con información adiantada por Moody's, Standard & Poor's o Fitch e son quen de afundir a economía dun Estado en cinco días. Non sei se a Zapatero haberá mellor que insistirlle en que retire as tropas de Afganistán canto antes poida, dese escenario bélico que o PP emprega para atacar ao PSOE despois de que nos meteran alí Bush, Blair e Aznar, para que os gaseoductos americanos, participados por George, Cheney e Condoleeza tiveran prioridade fronte ós rusos.
Se lle pode pedir ao Goberno socialista incremento da inversión en I+D+I, en Sectores Estratéxicos, en Axuda ao Terceiro Mundo, en implementación de recursos para a reconversión de grandes masas de parados e dunha parte, excedentaria, do funcionariado administrativo. Se lle pode pedir a Zapatero que elimine aínda máis gastos superfluos, que persiga a corrupción, que simplifique ou elimine a burocracia e que conte con tódolos axentes sociais antes de anunciar medidas que logo precisan correccións.
Pero para a saída da crise e dada a escasa forza negociadora que o Goberno de España ten fronte ao poder do Gran Capital, os Sindicatos mellor farían, en lugar de propor unha folga xeral debilitante, concitando unha unión de forzas e medidas co sindicalismo europeo e cos gobernos progresistas para abordar a lexislación ex novo dun marco que regule o funcionamento da Banca e das empresas de extracción e explotación dos recursos enerxéticos e poña lindes á concentración, respecto de ambolosdous sectores, de participación e de poder, penalizando o uso fraudulento e privilexiado da información. O que precisamos agora e de unión contra a grande especulación e non de loitas intestinas entre faccións que teñen visións compartidas sobre os asuntos importantes. Aínda partindo da base de que o marco estatutario que regula o mercado laboral é perfectible, calquera avance en dereitos do traballador, lícito, non é compatible coa xeración de emprego sostible nunha economía que ten de competir con mercados emerxentes onde o que se ten globalizado é a “flexibilidade” e a “precariedade” para evitar as deslocalizacións. Os sindicatos e o Goberno deben abordar xuntos o fondo da cuestión, un asunto internacional, europeo como mínimo, porque sobre todo a pequena e a mediana empresa xa teñen demasiados problemas como para tentar nadar sós contras as correntes que marcan os grandes mercadores-vendedores, impoñendo con impunidade un modelo social, por riba dos Estados, ou, como en Estados Unidos ou a China, coa súa complicidade.

martes, 14 de septiembre de 2010

MOTIVOS

Os seres humanos poñémonos barreiras mesmo en ausencia de censores, impositores ou aínda cando o PAI xa morreu. Hai cadeas invisibles impedindo levantar o voo e poñer rumbo cara ó país da utopía, no que cadaquén estima os confíns do universo posible na medida en que a imaxinación unida á vontade o permiten.
Mais nos seguimos empeñados en poñer portas ao campo, en limitar as nosas posibilidades de relación, de crecemento persoal, de proxección e posta en práctica dos nosos ideais.
O custo da educación castradora que recibimos para legar aos nosos fillos é incalculable: temos un marco social enfermo, no que as leis non escritas xiran arredor do egoísmo e o rexeitamento do distinto.
No desempeño do cotián falar de perseguir a excelencia é unha entelequia pasada de moda: demasiadas interferencias e ruídos da loita competitiva e feroz por ser en razón do status e non da competencia, preponderancia dos blindaxes sobre a empatía, sobre os sentimentos...
Sen embargo, ás veces o amor estoupa e manda ao carallo tanta vida calculada, tanta hipocondría social, tanto medo á liberdade: o amor apaixonado, por unha muller, por un fillo, por un xeito de entender a vida, por un proxecto colectivo. Entón o xesto dulcifícase, a vivencia do tempo faise amigable e todo o accesorio que semellaba tan importante cede o seu lugar a unha vida con sentido.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...