© blog: Son de Oleiros

sábado, 27 de noviembre de 2010

As enerxías alternativas como motor de cambio

Entre os especuladores, que fan fortuna mercando e vendendo divisas e materias primas, e a Reserva Federal, que inunda o mercado de papel para devaluar o dólar e eliminar á competencia europea, o marco competencial dos vintecinco é un dominó de ameazas sen fin: Islandia, Grecia, Irlanda, Portugal... Europa e punteira en prestacións e benestar social pero o entorno ameazante do mercado globalizado prioriza a capacidade de traballar máis por menos dos asiáticos e a vantaxe dos americanos de exportar a prezos privilexiados.
Coido que tan importante como a burbulla inmobiliaria como desencadeante da crise en Europa segue a pesar como unha lousa o prezo do petróleo, que penaliza o custo final de tódolos bens de consumo e reduce o poder adquisitivo dos cidadáns nunha magnitude que provoca o cese da actividade das empresas pequenas e medianas e a concentración monopolística.
Nestas circunstancias a tan cacareada necesidade de potenciar a economía verde adquire un valor de urxente necesidade non en razón dos postos de traballo directos que pode xerar, moi lonxe do millón do que fala o Goberno e que eu cifraría nuns poucos miles, tendo en conta que a tecnoloxía punteira se sostén cunha man de obra moi reducida. Sen embargo o que si é importante da potenciación das enerxías alternativas -a máis da repercusión no clima e no coidado do medio- é a redución da factura pola dependencia enerxética. Europa merca pétroleo cun euro demasiado forte para a actividade de signo contrario, a exportadora. Aminorando significativamente os pedidos do ouro negro, Bruxelas estaría en mellores condicións de abordar una depreciación axustada á realidade do euro para contrarrestar as prácticas de tiburoneo dos EE.UU. e dos asiáticos.
Por tanto, I+D+I como motor da creación de postos de traballo en sectores novos pero tamén na recuperación de actividades que agora non son rendibles pero que poden recuperar a senda do posibilismo desde custos de explotación que ofrezan marxes operativos claros: na construcción, na pesca, no transporte... unha actividade que repercute e está detrás do prezo de case que todo canto consumimos. O Estados atopan dificultades para dotar o marco de defensa do libre mercado dun corpus lexislativo de referencia que impida a concentración da capacidade de fixar os prezos das reservas con manobras especulativas. Namentres isto non exista aínda é máis importante potenciar a produción de enerxía alternativa con repartos de cuotas limpos, transparentes e abertos a iniciativas locales e fixar por decreto prezos de venta xustipreciados e obxectivablemente igualitarios para por coto á inxerencia da delincuencia financieira legal.

lunes, 22 de noviembre de 2010

O DESPREZO DA CAUSA SAHARAUI

A PLATAFORMA AUTÓNOMA POLA DEFENSA E LIBERDADE DOS POBOS OPRIMIDOS (PADELPOP), manifesta a súa repulsa polo xeito en que o Goberno do Reino de España está a abordar o conflito marroquí-saharaui, que non é xa unha crise como tampouco o son a fame na África Negra ou a explotación infantil en Thailandia ou Pakistán. As crises teñen como característica fundamental o proceso de cambio entre unha situación de partida e outra de chegada ou resolución. Mais a fame no mundo, a extorsión, a imposición de señores da guerra en grandes areas das “democracias” do primeiro mundo, a tortura e aniquilación das minorías, a usurpación das soberanías mediante estratexias de asasinato sistemático e implantación do medo son situacións suficientemente estables e duradeiras en lugares concretos do planeta, de interese xeoestratéxico para as potencias, como para seguir a consideralas coxunturáis.
Intereses e factores xeo-estratéxicos son esgrimidos polo timorato goberno de España para non condenar a razzia de Rabat nos campamentos saharauis. Europa a rebufo dos EE.UU., e España, aínda máis culpable pola súa historia recente de colonización do Sáhara e abandono á súa sorte para que a familia irmá do Borbón entrara a matar a sangue e fogo casa por casa no Aaiún, esa familia que se baña nos hoteis parisinos en Moët Chandom para celebrar o arqueo de caixa nas súas contas bancarias privadas mentres a xuventude emigra en masa por falla de horizonte.
Argumentos como o temor a atentados ou ás represalias contra os técnicos cualificados das explotadoras de Fosfatos, ou o perigo de que a flota perda as pesquerías do Estreito semellan pouca cousa tendo en conta que en España traballan centos de miles de magrebíes e que Marrocos xa precisa da Unión europea para o seu fluxo de exportación crecente.
O problema de Europa desde a Primeira Guerra Mundial e a súa atomización fuxidiza no posicionamento e toma de decisións a respecto de conflitos fratricidas dentro do seu seo. E este é un caso máis. Porque o que atinxe a Marrocos e ao pobo saharaui forma parte das entrañas da Europa meridional e, sen embargo, a maioría dos cidadáns mira cara a outro lado como xa fixera cando os Serbios masacraban os lexítimos intereses auto-deterministas de croatas e Macedonios, para ceder o protagonismo oportunista á U.S. Army, que sempre cobra a factura en especias.
Europa está avellentada e caduca como mínimo, e é cómplice do Goberno de Marrocos que xa ten acadado a soberanía real sobre o Sáhara coa súa política de asentamentos e o confinamento dos poucos saharauis que aínda non se exiliaron a campos de refuxiados en Arxelia.
Aos turcos cumpre esixirlles que abandonen a eliminación sumaria dos kurdos, tan impulsada hai vintecinco anos pola Cia e Hussein dende Bagdag; aos marroquís que devolvan o control dos territorios saharauís aos seus donos aínda a costa de que as bases Americanas ao norte do Atlas se vexan comprometidas. En suma, trátase de rematar co secuestro do Consello de Seguridade da Onu por parte de EE.UU., coa súa prerrogativa -gañada a través da súa intervención humanitaria nas guerras que dividiron Europa- para vetar todo o que non é do seu interese umbilical e a entrada alícuota na toma de decisión de tódalas partes.
Antes a España que reclama Xibraltar en razón de argumentos de integridade territorial tería de abordar a desocupación de Ceuta e Melilla e borrar das relacións hispano-marroquís una Historia de confrontacións que Franco reavivou para auto-concederse condecoracións inventadas que o catapultaran ao xeneralato e propiciaran o luctuoso e miserento golpe do 36

domingo, 7 de noviembre de 2010

Carga policial con nocturnidade en defensa de Ratzinger

Seica volveron os tempos de Franco, cando a Igrexa Católica sinalaba aos ateos para que os pasaran polas armas baixo a etiqueta de comunistas que atentaban contra a propiedade privada. Se cadra eses tempos non foron superados de todo, pois o mesmo Partido Socialista da dous pasos adiante e un e medio cara atrás a respecto de avanzar na construción dun Estado laico. Santiago de Compostela non foi territorio galego nin español durante a visita de Ratzinger. A soberanía foi concedida ao Vaticano durante un día non só coa complicidade do Reino de España senón co aporte de medios de “seguridade” que custaron unha cantidade grotesca ás arcas públicas.
O Goberno negou o dereito a manifestarse aos que estaban en contra de todo o que supuña a visita do Papa aducindo defectos de forma na solicitude. A pesares de todo a policía non actuou durante o percorrido dos manifestantes, modélico a respecto do pacifismo con que en todo momento se expresaron os postulados. Pero cando estes se disolveron, os gardas cargaron con tremenda violencia contra os que supuñan eran os animadores da convocatoria. Aínda por riba, logo de mallar neles os identificaron para prohibirlles a estadía na cidade vella de Santiago o Sábado. Máis dunha persoa tivo que buscar aloxamento fora da cidade. Todo un exercicio de inconstitucionalidade por parte das propias forzas de “seguridade” do Estado actuando subrepticiamente contra aqueles cuxos dereitos teñen que defender.
¿Son estes os cimentos sobre os que se constrúe unha sociedade libre, na que a confesión sexa unha cuestión íntima e a expresión popular un ingrediente básico no marco de convivencia?
E iso sen contar que o tal Ratzinger, para a defensa de cuxa mercadotecnia os policías partiron nefres de galegos, e o instigador da desaparición de cardeais progresistas da cúpula do Vaticano, encubridor nos seus anos mozos de pederastas, militante fascista, home forte na estratexia da Banca Ambrosiana de corte mafioso... e chegou para dicir que a escalada laicista da sociedade española alentada polo goberno é semellante á abordada nos anos trinta pola República.
O poder da Igrexa Católica e a soberbia con que o exerce son directamente proporcionais á perda de vocacións. A protección do tal Ratzinger custou o mesmo que vinte centros de recuperación e tratamento para discapacitados. Desde sangue dabondo do seu grupo para o caso de ser precisa unha transfusión ate catro mil pernoctaciones de escoltas e dezaseis mil minutas... O papamóbil corriu tanto como o Mr. Marshall da película de Berlanga e non deixou tras de si máis ca decepción mal disimulada. O “humildes” xa non comulgan con rodas de muíño.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...