© blog: Son de Oleiros

lunes, 20 de diciembre de 2010

Pórse no lugar do outro

Mais dunha vez téñenme preguntado en conversas animadas entre amigos se teño algún motivo vital predominante no decurso diario da miña existencia. Sempre contesto, se necesidade de pensalo moito: procurar facerlle a vida agradable aos demais ou, aloménos, non dificultarlle o goce fluído do día: e dicir, non amolar. Porque desde o funcionario ate o escavador, desde a enfermeira ao instalador frigorista, do que se trata é de pasar o día o mellor posible, e se aínda por riba o chope non supón o cumio das expectativas vitais ou non coincide coa vocación, pois medra o valor de recibir a viruta a fin de mes sen máis.
Dito todo o cal para acadar a excelencia na relación de grupo e tamén no resultado final, que ten que ver co servizo que percibe como ben recibido o cliente, semella moi importante o grao de complicidade, e este só pode vir dado pola capacidade, no grupo, de pórse no lugar do outro. A sociedade actual fai moitas preguntas de cortesía pero non ten moita intención de escoitar respostas que incomoden. Xorden expresións solidarias, pero tras delas abonda o baleiro, a falla de interese por, se é posible por un instante, imaxinar ocupar a situación dos que están ao carón.
Diante das críticas á xestión ou o desempeño dun individuo concreto hai unha fórmula que eu puxen en práctica a miúdo na miña etapa como encargado de recursos humanos para una multinacional e que pasaba por desenvolver o traballo dos outros rotativamente o cal conseguía aumentar a cohesión do grupo e mellor comprender os perfís de todos.
Un país como España, inmerso nunha crise económica que merece unha lectura desde a crise parella de valores, un país que completou unha transición política en aparencia mais non a cultural, está necesitado de refundar a sociedade desde o plantexamento primordial de dar resposta ás necesidades produtivas e de servizos como motor da reacción, cuestionando e mesmo cancelando privilexios absurdos e que crean alarma social e estendendo a necesidade dun esforzo colectivo para saír adiante apoiado no conxunto dos traballadores.
Estamos nunha situación na que da noxo que os líderes da executiva do PSG no concilio galego loiten por acumular cargos e soldos e por perpetuar a triplicación da Administración, lexislando antes por ter un retiro dourado que por facer que se cumpra a extensión da xubilación a unha idade decente, e non que empregados da banca estean nas saunas con cincuenta anos e un transportista queime as pestanas e o lombo ate os sesenta e sete.

lunes, 13 de diciembre de 2010

Defensa da creatividade

Unha mirada expresa, na fracción dun instante, a pegada dunha vida intensa. O outro día, nunha sala de espera, fixen a pregunta ousada: “quen é o último?”. Houbo por resposta unha indolencia colectiva de mozos e maiores, ate que unha señora ben entrada en anos sinalou cun sorriso comprensivo que xa chamaban polo nome.
Cumprir anos serve aos humanos tanto para afondar na ignorancia como, pola contra, para medrar. Estar no mundo por estar, como mero receptor pasivo, ou vivir con vocación por descubrir, por establecer lazos, escoitar e interpretar os tesouros almacenados no subconsciente.
Non nacemos aprendidos, como ben recolle o saber popular. Ademais, con demasiada frecuencia fixamos as nosas posicións na defensa da propia integridade, do grao de benestar, nunha loita pola supervivencia que ven a ocupar as máis das enerxías e nubra o lado dereito do cerebro: as tendencias creativas, a capacidade para distraerse, o sentido do humor, o ludismo...
No mundo da gran empresa a dirección procura ter aos innovadores ben pagados e incentivados, aloxados nun mundo de Jauja, alleos aos padeceres da base da pirámide, para que o clima propicie unha visión menos ameazada polo curto prazo de cada fin de mes.
Na esfera particular, a deriva predominante no século XXI é o predeterminismo, a obediencia ás estratexias dirixistas disfrazadas de liberdade e a atención focalizada na obtención de maiores cotas de seguridade: no traballo, na proporción de ingresos e gastos, na vida sexual, na defensa do patrimonio... Moverse na dispersión, no caos como base máis irrefutable para interpretar o cosmos faise cada día máis inimaxinable para a burguesía española. É a conciliación sempre pendente: atender a necesidade de comer, de ter abrigo e acceso á cultura e aos medios sanitarios sen que ilo supoña o detrimento ate a anulación da creatividade como motor do progreso social apoiado na sensibilidade colectiva.

martes, 7 de diciembre de 2010

Matar ao mensaxeiro

Resulta que Assange é o culpable de tódalas fechorías cometidas pola Cía e polo Goberno de EE.UU. coa complicidade dos aliados. Xa os emperadores romanos mataban ao funcionario de Correos cando ousaba traer malas noticias das frontes. Hai que ter peito para denunciar que a mesma Casa Branca está detrás do atentado contra as torres xemelgas e do golpismo que colocou ditadores de confianza en Latinoamérica, África, Oriente Próximo e Medio e tamén en repúblicas escindidas da URSS. Assange non está morto gracias á clonación dos seus achados e revelacións na arañeira. Internet está intoxicada con información maniqueísta verquida por medios de comunicacións secuestrados polo gran capital. Pero de entre todo ese lixo, rebuscando, afloran datos descarnados sobre as prácticas mafiosas e corruptas dos grandes grupos de poder e da propia “Intelixencia” do goberno de EE.UU. para controlar segundo a súa conveniencia a toma de decisións no ámbito das Organizacións Internacionais.
Sen embargo non somos moi optimistas. A inmensa maioría da poboación mundial está atrapada por asuntos que absorben toda a súa atención: a oferta narcotizadora de contendas deportivas que reproducen as loitas tribais, o nacionalismo excluínte, a instalación da idea de que a corrupción e inherente ao ser humano e de que é inútil tentar mudar as cousas, a arela de benestar material, o consumismo e, agora tamén no primeiro mundo, a loita pola supervivencia.
Neste mapa situacional, xa ben entrado o século XXI, respírase un tufo de prevalencia das normas impostas polo mercado, en aras dunha presunta defensa da liberdade, cando o que se agocha é unha concentración da riqueza en moi poucas mans e a subordinación dos Estados ao poder dos que traballan con inmateriais. Da lectura das revelacións de Assenge hai que quedarse sobre todo e máis alá das anécdotas sobre o xeito de mirar do ministro José Blanco -que xa é o colmo do espionaxe descifrar a ollada dun galego- coa constatación de que a xerarquización e estrutura mafiosa impoñen barreiras de entrada nos grandes negocios, concentran o uso e os prezos do diñeiro e dos recursos enerxéticos do planeta e poñen de xionllos a gobernantes pipiolos que inocentemente pensan que poden facer avanzar ao seu pais só sobre a a base do traballo e o sacrificio compartido, como un modelo con sinais de identidade colectiva propios.
A realidade é máis dura e España segue a ser un recuncho dobregado aos intereses do tío Sam e dos que controlan a impresora de billetes, os xacementos de gas e petróleo e os campos de heroína. ¡Que llo digan á familia de Couso, asasinado por ser testemuña da masacre do pobo iraquí! Ansar comprendeuno mellor cando se fixo a foto nas Azores, unha foto que lle dou pasaporte para entrar na nómina de multinacionais sen saber dicir en inglés máis ca: “Estamos trabajando en ellooo”. Mágoa que un xiro inesperado na opinión pública truncara os seus plans. E iso a pesares de contra-programar na noite de reflexión electoral con “seis días de Enero”. Agora, alguén anda a traballar por detrás para ascendelo de novo á primeira liña de batalla. Coido que Assenge terá ese dato.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...