© blog: Son de Oleiros

miércoles, 28 de julio de 2010

CORRIDAS DE TOUROS: ESPAÑA ANCORADA NA BARBARIE MEDIEVALISTA

O público asistente agradece que o matador se arrime aos pitóns, vibra co espectáculo do sangue. As damiselas azóranse cando os tordos perden os intestinos na area. É o arte taurino erixido en festa nacional que invertebra o país.
A cerimonia empeza co traslado en caixóns de dous metros cadrados dos astados ate a trastenda da praza, onde son sometidos a estrés e privados da luz durante trinta horas, para que saian ao redondel cegos, desorientados e buscando unha saída desesperadamente. Para aplacarlle os fumes, está a sorte de varas: un picador tritúralles os músculos dorsais e cervicais cun lanzal de ferro ate convertilos nunha masa informe pola que mana o sangue en abundancia. O toro ten aínda máis sede cando, sobre ese punto de castigo, recibe unhas banderillas postas con moito arte, que van a actuar como palancas horadando a carne e os músculos do colo con cada movemento do touro, agudizando o hemotórax e a dor dunha besta preagónica.
A faena coa muleta nun espacio no que non hai currunchos nos que poder agocharse, marean e esgotan ao animal xa desangrado. É agora máis doado cravarlle unha espada entre as vértebras que lle rache as arterias e chegue ao corazón. O touro agoniza vomitando sangue, máis para iso está o puñal corto que lle secciona, con moito arte, a médula espiñal, inmobilizándoo, pero que case que nunca lle quita a conciencia de ser arrastrado e aínda durante o despece do rabo e das orellas.
A sabedoría dos gandeiros díctalles trucos para que as reses de lidia amosen valores de fereza -cando o embiste non é máis ca unha actitude defensiva-: bótanlles aguarrás nas pezuñas, aplícanlles alfinetes nos xenitais, e, se por contra son demasiado bravos, púrganos con sulfato de sosa, debilítanos con colirios paralizantes nos ollos e introdúcenlles algodóns na gorxa para minar a súa enerxía.
Moitos dos que levan aos seus fillos xa pequenos a adeprender este nobre arte da tortura opóñense ao mesmo tempo a que asistan a clases de educación para a convivencia, pois é unha materia, din, na que non procede a involucración dos estamentos educativos.
España ten de rematar unha transición inacabada ao século XXI desde o medievalismo, no que nos afundiron aínda máis corenta anos de dictadura, o asasinato dos librepensadores, o éxodo das mentes máis preclaras, a inmersión en valores involucionistas, baixo palio, a eliminación da institución libre de enseñanza, o confinamento da muller a papeles de sumisión, a persecución do asociacionismo: agrario, mariñeiro, cultural... O anacronismo desta tortura salvaxe e tal que o argumento de que intelectuais de tódolos signos veñen a xustificala non abonda máis ca na perversidade de elementos educativos e culturais que, imbuídos desde a infancia, son que de extraer o peor do ser humano, a partir da sinxela observación, sen prexuízos, dos feitos consumados: os touros sofren unha tortura inconmensurable desde que son transportados en celdas, durante toda a cruel e agónica matanza, ate o seu despeze. Outra cousa serán as xustificacións, sempre económicas aínda que presentadas desde argumentos de cariz artístico, que se agochan tras da pervivencia da barbarie: un espectáculo salvaxe con cuxa celebración o Concello socialista de A Coruña mantén á cidade no triste circuito da violencia nacional.

miércoles, 21 de julio de 2010

CONCORDIA

Os intereses das grandes potencias en fixar posicións territoriais alén das súas fronteiras foron deixando un legado de poderes corruptos en grandes rexións do planeta. Os Estados Unidos, Rusia, Holanda, Francia, Inglaterra instalaron valedores que asasinan para perpetuar rexímenes do terror, comen o fígado cru dos nenos, utilizan a violación sistemática como instrumento opresor e de control, intermedian no espolio de materias primas e facilitan o uso de grandes extensións xeográficas como esterqueiras tecnolóxicas nas que lavan a conciencia ecoloxista países que presumen do seu coidado polo medio dentro do seu propio chan.
A pegada do colonialismo e da guerra fría foi salpicando América Latina, Camboia, Vietnam, a África Negra, Corea... de dramas humanos e retrocesos á épocas prehistóricas en niveis de calidade de vida. En Corea do Norte o personaxe que ostenta o poder e un sanguinario acomplexado de metro sesenta alzado sobre tacóns enmascarados que almorza con Viúva de Cliquot e caviar iraní traídos de Shangai namentres a poboación civil morre de fame. Hai quince días este personaxe que, como Franco, fala subido a unha escada e imposta unha voz menos atiplada, mandou fusilar ao ministro de economía porque as súas medidas anti-inflacionistas non daban resultados e, a semana seguinte, “executou” ao ministro de transportes porque apareceran dous trens coas mangueiras de chumbo arrincadas por traballadores famentos que as vendían no mercado negro.
Imaxinan vostedes execucións sumarias dos responsables das carteiras de emprego, economía e infraestruturas no Reino de España diante da persistencia da crise? Ou a Zapatero facendo cachos e comendo a Rajoy, como facía Bokassa cos seus inimigos. Hassan II, un irmán para o borbón Juan Carlos, posúe unha fortuna inconmensurable en Suíza e vive rodeado dun luxo sibilino, namentres o país se desangra coa emigración masiva na procura da ilusión por escapar da fame máis negra.
A deriva que está a tomar a sociedade nos últimos tempos pinta un relativismo que da medo e apunta, en moitos casos, a unha involución en grandes areas xeográficas e tamén da mente humana. Como se non explicar que mil cincocentos rusos veñan de morrer por efecto das borracheiras de Vodka durante esta última ola de calor. Algúns eran nenos de campamento, que foran abandonados á súa sorte por monitores bébedos ate o delirium.
En España temos percorrido un longo camiño, nada fácil, de superación fronte á barbarie do 36. Por iso e dobremente importante medrar en valores de concordia, solidaridade e respeto á distinticidade sen que nada rache, para que todas esas chamadas diarias á cruzada por dun modelo de convivencia imposto por visionarios, anticonstitucionais, feitas desde medios herdeiros do golpismo, civís e relixiosos, caian en saco roto e produzan desprezo e risa antes que atención.

sábado, 17 de julio de 2010

O pádel, escola da vida

Alcibíades tiña un concepto da leadade moi laxa. A él gustaballe apostar a cabalo gañador e non dubidou en mudar de bando se con iso se aseguraba a victoria. Máis descoidou o propio crecemento persoal e iso acabou por pasarlle a factura definitiva.
No pádel, un remedo, un sucedáneo cal pode ser o fútbol das xustas e os lances belicosos, a un dos membros da parella, o que pensa que está un chisco por enriba, o rendemento por baixo das expectativas do compañeiro, sempre desde unha visión subxectiva, pode provocar o despertar dos instintos máis profundos, de supervivencia dentro da pista, que levan a comportamentos de crítica despiadada, denostación e desesperación sempre aproveitado polo inimigo, que caladiño ao outro lado da rede, relámbese padalando unha vitoria cimentada na desunión no seo do bando contrario.
A humildade, o traballo, a conciencia de non sentirse gañador apriorísticamente, a predisposición á loita, a concentración, a vivencia no puro presente, a capacidade para extraer lecturas positivas mesmo nos intres de maior dificultade, a disposición para montar unha tenda de campaña alí onde os botes da pelota queren ser definitivos... son valores importantes cara ó triunfo, mais nimios a respecto do máis importante de todos eles, o definitivo: a comunión de valores dentro da parella, a identificación e posta en común dos seus membros sobre todo aquelo que buscan, para coincidir no mesmo escenario: disfrute, deseos de mellora, progreso, loita e superación das propias limitacións... CONXUNCIÓN, COMPLICIDADE, APOIO, COMPRENSIÓN, APOIO NOS MOMENTOS DE FLAQUEZA E RECOÑECEMENTO DOS DE REALIZACIÓN... AMIZADE E XENEROSIDADE, todo elo como culminación dun proceso de mutuo coñecemento e intimación no que xurden, sen ambaxes, as aportacións que cada quen está en disposición de entregar.
Por tanto, e chegado o momento crucial de dar o mellor de si mesma, a parella ten percorrido un camiño de intimación e posúe, coma un tesouro, a capacidade para apoiarse mutuamente e acadar as sinerxias polas que o mais potente por un día, por un intre ou mesmo nun lance concreto apoia ao máis feble, sabendo que os papeis mudan nun segundo.
Semella forzado pensar que alguén queira xogar mal para amolar a o compañeiro. Por tanto, suposto que o que falla faino contra a súa vontade, o que cumpre e apoialo ainda máis, e, iso si, abrir un proceso de repensamento do acontecido logo de terminado o partido, no que poden caber aínda as decisións máis drásticas. Mais no desenvolvemento competitivo non hai outra que apoiar, apoiar e apoiar. A ocasión para a mellora e a posta en común está nos adestramentos e nese punto, se fai falla e o interese e grande, aparece a figura inconmensurable de adestradores e mestres nacionais, como Ronald, que teñen oito ollos cando nos estamos medios cegos.
Para non cansar, en partidos igualados por estratexia e cualidades técnicas individuais, deciden a actitude, o humor, a disposición a correr, a supresión dese corsé mental que leva aos que creen atesourar unha superioridade xestual e estética a sacrificarse menos como se o suor fora o recoñecemento de que era precisa a loita para chegar á victoria.
Por todo ilo, o deporte é unha escola da vida, impagable.

martes, 13 de julio de 2010

A deturpación da doutrina cristián

Saramago non foi indiferente co itinerario da xerarquía eclesiástica. Darlle as costas á curia sería unha actitude de desprezo máis doada sen perder un ápice de coherencia. Mais o escritor portugués sentiu o compromiso de orientar a súa ollada crítica cara o xeito en que desde Roma se ten orquestrado unha xerencia para a explotación do temor de Dios, desde o sentido da propiedade dun legado divino manifestado só con palabras acomodadas aos intereses dos mitrados, a afirmación da superioridade sobre as outras crenzas, a reivindicación da verdade absoluta e o desprezo do diverso e tamén do diverxente, mesmo dentro do seu propio seo.
Os nervios porque se destacase ese plano crítico de Saramago na súa despedida levaron ao aparato de propaganda e difamación do Vaticano a atacar ao luso cando o seu cadáver aínda non arrefriara de todo. O sentido cristián do perdón, se é que Saramago o precisara, foi obviado por camarlengos e arcebispos de dobre vida, accionistas da industria do condón que logo demonizan, titulares de contas en Suíza e depositarios de pinacotecas e xoias de valor incalculable, namentres os curas da liberación traballan coas súas mans no mundo oprimido, cómplices co seu silencio -cando non artífices- e obstrucionistas da acción da xustiza contra a carroña pederesta avivada por unha normativa interna que di que a entrega a Deus e aos demais e incompatible coa práctica amatoria plena.
Os concilios vaticanos e os conclaves teñen servido para tramar un corpus relixioso afastado dos principios iniciáticos. Tódalas grandes afirmacións nas que se sustenta a reivindicación da unidireccionalidade na xestión directiva da Igrexa católica son obra dos xerarcas e teólogos afectos a ese poder e perseguen o monolitismo ideolóxico, o inmobilismo dos valores que han regular a convivencia nun entorno cambiante, a relegación da muller a papeis secundarios na toma de decisións, o aliñamento co poder e as oligarquías, o “talante tolerante e comprensivo” coas outras crenzas... Con este pelaxe, os comunicados de desprezo que eleva ese gremio sectario contra persoas cunha traxectoria longa, de compromiso traballoso exercido no debate aberto e sen proteccións corporativas teñen o valor de amosar a debilidade argumental dunha institución que ten a fecha de caducidade nun horizonte non moi afastado presa da súa cegueira e avaricia.
Recomendación para os cardeais chuquilateiros de insigne papada, condenadores do homosexualismo, do Islam, do pracer sexual, da igualdade da muller, da autodeterminación dos pobos oprimidos, da eliminación dos privilexios por razón de nacemento, do exercicio dos sacramentos polo pobo practicante... a lectura de Ensaio sobre la Ceguera.

martes, 6 de julio de 2010

FRIKIS

Non teño prexuízo ningún a respecto dos frikis, faltaría mais!. Acumulo, ben certo é, experiencias que me levan a ser precavido nas miñas relacións profesionais con eles.
Hai anos, desde o meu posto de responsable de recursos humanos nunha multinacional do mundo editorial cometín o atrevemento de contratar a dous frikis, home e muller, para cadanseu postos de elaboración de plataformas de marketing. Atraíanme daqueles mozos o seu grao de motivación para entregarse a un traballo que colmaba as súas aspiracións por un tempo. E iso a pesares de que o perfil psicolóxico que debuxaran as súas respostas aos tests e tamén a escenificación nas entrevistas persoais dos seus pensamentos, ideas, valores e mesmo emocións abrigaban en min dúbidas sobre a dose de realismo presente na toma de decisións diaria dos candidatos. Aínda con esas, decidín correr o risco e ver da posibilidade de medrar xuntos aproveitando a súa potencialidade.
¡Ogallá non tivera feito tal cousa! Se ben algúns legados de coñecementos procedimentais no uso de ferramentas informáticas fóronme e seguen a serme de utilidade para o desempeño nun entorno cambiante, hei recoñecer que o grao de perfección formal que buscaban na elaboración de cada páxina de contidos era tal que para completar un traballo que, subcontratado, custaría mil cincocentos euros, investiron entre os dous case que un semestre, no que non pisaron a rúa para pulsar nin as necesidades nin os hábitos de consumo dos clientes, nin pilotaron o grao de aceptación dos produtos novos que eu ía poñéndolles nas mans.
A ola de frikismo que invade España está a aportar ás colas dos demandantes de emprego un perfil de persoas pouco ligadas á realidade, cunha dimensión de coñecementos superespecializados que sobrepasan ate o paroxismo as necesidades da maior parte das empresas necesitadas dos seus potenciais servizos. Son persoas nacidas para demandas anteriores á crise e envorcadas no crecemento dentro dun mundo estreito e esixente, a medio camiño entre o virtual e a realidade. Calquera opción laboral que pase por arrincalos e desconectalos máis de un día do fluxo de retroalimentación no temas que os ocupan e os identifican cunha manda de semellantes é descartada. Algúns, os menos, desenvolven habilidades para vender as oportunidades que ofrece o grao de excelencia acadado en xornadas maratonianas arredor de parcelas do saber, do deseño, do celeccionismo... aparentemente tan estreitos como inmensos unha vez que se profunda no detalle. Porque a visión polo miúdo, a focalización niso tan pequeno que para os simples mortais para desapercibido é unha das constantes vitais deses seres especiais, xenerosos co seu tempo e co dos demais, que viven con pé e medio no mundo feliz dos seus soños inocentes.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...