© blog: Son de Oleiros

domingo, 27 de marzo de 2011

FIGURANTES: A LACRA DOS POLÍTICOS INSTALADOS NA INERCIA

Nos meses que preceden aos comicios municipais é máis frecuente ver como os concelleiros mesmo dos municipios máis pequenos multiplican a súa presenza en actos de toda pelaxe, extraordinarios ou non, por máis que na xestión de moitas das iniciativas e acontecementos non teñan aportado nin un minuto do seu tempo ningunha. Non digo eu que non sexa importante o respaldo institucional nas iniciativas públicas ou privadas que melloran a vida dos veciños. O que intento transmitir é o luxo que supón para as facendas de territorio pequenos ver reducido o perfil dos concelleiros case que exclusivamente a papeis de representación, como está a suceder por doquier.
As corporacións locais modernas precisan do concurso de concelleiros que sexan sabedores da materia da que son responsables, no canto de delegar toda a xestión nos técnicos. A carga ideolóxica que hai detrás da toma de decisións conforme a un modelo, a un programa, se lles supón. Máis aló, na práctica diaria da cousa pública nas corporacións de tamaño pequerrecho e mediano teñen de ser os propios concelleiros persoas entendidas na súa area, con iniciativa para encher de contido os plans cuatrianuais e capacidade para mobilizar os recursos precisos para levalo a cabo, propiciando o marco no que os axentes sociais son xeradores de riqueza.
Para calquera empresa privada de tamaño limitado sería unha ruína manter figurantes exclusivos, sen interacción na xestión. Para esa optimización dos recursos humanos fai falla vontade política e, sobre todo, formación continuada e cultura do coñecemento no marco dun entorno tan cambiante como o que vivimos.
Os meros figurantes na escena política das corporacións locais son un lastre, aínda máis lamentable cando son elixidos dentro das filas da oposición como únicos interlocutores na resolución de temas pendentes, nun alarde de abuso de posición dominante e deslealdade por parte das institucións supra-municipais. Esa deslealdade institucional da Xunta é, xa que logo, miserenta. E non nos queda sequera o consolo de pensar que o tempo pon a cada quen no seu sitio, pois boa parte da sociedade anda distraída entre o fútbol, as telenovelas e as crónicas do baixo ventre. Aínda por riba, as cadeas monolíticas da extrema dereita, adictas á mensaxería golpista, proliferan como setas na tv. adicadas ao discurso de fácil calado que considera a Zapatero como o único culpable de tódolos males.
Por iso e máis importante que nunca insuflar de credibilidade a función pública no ámbito municipal, converténdoa en “xestión” de recursos postos ao servizo de decisións de progreso. A traxectoria de liderado no contexto de Estado ven de estar ostentada por opositores a notarías, procuradorías, inspeccións de traballo... O desexable e atopar aos mellores xestores entre os emprendedores, capaces de atopar os recursos para levar adiante as súas ideas de negocio ou as súas patentes con éxito e con boas prácticas. Neste senso, a renovación na cúpula do CEOE tamén era unha necesidade clamorosa.
A política municipal en asentamentos de menos de cincuenta mil habitantes non está para o exercicio gratuíto do onanismo nin pola ostentación do fugurantismo personalista reducido só a iso, remedando aos yanquis, e que xa é lei en parte dos concellos do área metropolitana inmersos na loita bipartidista da que os cidadáns non extraen beneficio ningún.

O paradoxo galego

Aquel mentireiro compulsivo, vendedor de fume, que afirmou en Palomares que non había radioactividade para vir logo a bañarse a Perbes, afundiu a Galiza na peor das lacras sociais: a do inmobilismo resignado. Durante os seus anos de mandato a cousa trataba de non tomar decisión ningunha que comportara traballo de xestión. Dicía Parménides: “ese home está a moverse moito. Daquela non fai nada”. Iso era o que facía o león de Vilalba: andar de acó para alá cortando cintas e asegurándose o apoio das baronías a través da creación de postos de traballo ficticios e fundacións sen ánimo de lucro nas que os soldos supuñan o noventa por cento dos orzamentos.
Baixo o seu mandato escurantista Galiza ocupou o antepenúltimo posto entre as duascentas euro-rexións europeas a respecto de Renda per cápita. Fraga foi unha máquina desmantelando o agro galego, apoiando co diñeiro dos galegos a merca por parte de empresas estranxeiras das nosas lácteas para logo afundilas con prácticas fora da legalidade. As eólicas e as granxas mariñas foron tamén adxudicadas maioritariamente a capital foráneo sen contrapartida. Os prazos dados por Bruxelas para sanear unhas rías infestadas de verquidos industrias e fecais foron incumpridos sistemáticamente e os fondos recibidos desviados para outro fin. Os gobernos de Fraga tutelaron a desviación das Caixas de Aforros da súa función social e da súa condición de garantes da mellor redistribución da riqueza xerada polos emprendedores, permitindo a blindaxe dos seus cadros directivos que manexaron os recursos como se foran da súa propiedade.
Se todas estas cousas e outras moitas ían sentando as bases para a hipoteca sobre o despegue económico e social de Galiza, a patada definitiva foi produto dos soños de grandeza do Iribarne, da súa megalomanía e do seu sentido mesiánico que o levou a atribuírse o dereito a pasar á Historia por ter actuado baixo unha iluminación especial, máis alá da necesidade de consultar as súas intención en equipos de traballo e moito menos de procurar o consenso antes de tomar decisións que ían comprometer o futuro de tres xeracións.
No colmo do anti-galeguismo real que tamén distinguiu a Franco e agora a Rajoy encargou o granito e a pizarra para o Gaiás en Brasil e Italia nun momento delicado para un sector estratéxico de Galiza, e coa complicidade do mentor da Carmiña Burana encargou unha biblioteca cuxa envergadura remedara á de Alejandría co obxectivo de chegar a albergar un millón de títulos para admiración dos visitantes namentres as campañas de fomento para a lectura e a adquisición de exemplares para as trescentas bibliotecas dentro do tecido social cotián quedaron suspendidos por falta de fondos, cun impacto brutal sobre a alfabetización dunha poboación cuns índices de lectura ínfimos e sobre a capacidade de supervivencia de boa parte das editoriais galegas. Namentres en Centroeuropa e Escandinavia o modelo que funciona é o de impulsar e dar vía ás propostas culturais e artísticas a través de unha ampla rede de instalacións funcionais integradas nos núcleos de poboación, Fraga e Pérez Varela reduciron a cultura a unha expresión expositiva dentro dun marco faraónico sen campo para a interacción.
Ao León de Vilalba, din os seus prosélitos, cóllelle o Estado na cachola. Pero para que raios queremos unha limusina nunha estrada de montaña, toda virada. O único que acadou a súa dimensión megalómana foi ir poñendo os cimentos da destrución actual do tecido produtivo de Galicia, na que hai paro e un millón de pobres por malas prácticas Administrativas e desviación dos recursos. Que pasaría de ter collido os 670 millóns de euros do Gaiás, xa sen meternos noutras areas de despilfarro, e fixéramos outro uso deles:

Entre 15.000 e 20.000 postos de traballo directo a partir do dragado e rexeneración dunhas rías ás que se ven verquendo a materia fecal de máis dun millón de galegos por non empregar os fondos enviados desde Bruxelas para tal mester nin a porcentaxe que lle corresponde á Xunta. A capacidade para aumentar a superficie cultivable e pasar dun rendemento cero a unhas rías outra vez cheas de riqueza depende dunha inversión total para toda Galiza de 38 millón de euros.

Vintecinco mil familias (máis de corenta mil postos de traballo directo) que se viron forzadas a pechar as súas explotacións gandeiras logo de vender con subvención a Puleva e aos franceses a patente para pagar aos gandeiros por baixo dos custes de produción e abrirlles a espicha para introducir leite foránea a máis baixo custe ate afundir a competencia dos propios galegos e reducir tanto o seu tamaño no concerto europeo como o seu nivel de vida, reducido ao papel de escravos. A inversión en manter estes postos de traballo como tamén os da xestión de grandes recursos enerxéticos pode cifrarse en 0. É bastante máis oneroso mandar a clase pasiva a unha proporción tan importante dunha poboación produtora e tamén consumidora. Tratábase de ter vontade política de apostar polo incentivo á nacionalización e radicación dos recursos, como fan por todo o mundo adiante, menos en Galiza, o único pobo que ataca á súa propia lingua e cuxos gobernantes pensan en facer carreira de costas aos intereses dos seus propios administrados.

Vertebración do rural co urbano, modernización do agro, creación dun cluster agropecuario, rehabilitación dos cascos rurais, incentivo para á volta ás economías con alto grao de autosuficiencia con troco de produtos a escala, potenciación do cooperativismo, implicación da Administración nas iniciativas empresariais autónomas con compensación aos donos das casas e terras sen uso para posibilitar a produtividade das facendas e a mobilidade do banco de terras. Só este capítulo de actuacións daría traballo directo ao cen por cen da xente desocupada cuns custes de 200 millóns de euros, pero retornables a partir do segundo ano, pola vía das cotizacións versus o pago de risgas e por efecto do incremento no consumo interno de bens. Se no norte de Italia e en Luxemburgo viven, no medio rural e como campesiños, os cidadáns coa renda per cápita máis alta de Europa, por que non imos ser capaces de desterrar a imaxe real do agricultor e gandeiro galego illado, desasistido, froito do abuso de posición por parte dos especuladores que poñen prezo aos seus produtos diante das narices da Xunta... e desexando poder vendelo todo para pagar as débedas e que acabe a súa escravitude penada?.

Por último, cunha inxección de 200 millóns de euros en cinco anos impulsaríase definitivamente o capítulo en I+D+I, a potenciación e posta en valor da industria das patentes e a inversión en apoio ás enerxías alternativas para contrarrestar as necesidades a curto prazo de dividendos por parte dos emprendedores e que están demorando unha independencia do petróleo que en Galiza podería ser total: eólica, xeotérmica e maremotriz.

Mención aparte merece a necesidade de recargar a cultura de país dos galegos e de frear a morte anunciada para boa parte da industrial cultural autóctona: merca de trescentos exemplares dos libros publicados en Galiza para destinalos ás bibliotecas de empréstito integradas no día a día da poboación e potenciación das salas de teatro, actuacións musicais, ensaios, dentro do barrio, e nas que prima a funcionalidade e o uso continuado sobre o culto ao ladrillo con grandes custes de mantemento e con dotacións de bedeis pantasma por parte de presidentes nepotistas dunhas institucións, as deputacións, con cuxas eliminacións disporemos de máis fondos para aplicar en políticas de creación de emprego. A inversión no prazo curto e tamén para un tramo de vinte anos é de 30 millóns de euros. Máis o impacto sobre a poboación e a saída profesional dunha xuventude atraida pola expresión da cultura e tamén artística evitaría a emigración como única saída sería relevante para a construción dun novo imaxinario de país compartindo obxectivos comúns.

A inversión directa para levar a Galicia ao pleno emprego sería de 468 millóns de euros. Bastante menos do que vai custar o Complexo mastodóntico do Gaiás sen ter en conta xa o seu mantemento. Pero claro, son medidas que implican algo máis que a palla mental dun visionario ególatra tomando unha decisión recibida con euforia polos secuaces aduladores no marco dunha comida hiper-calórica, e metabolizada máis por unha sesta que polo traballo de revisión, seguimento, impacto e xestión de recursos que poida vir detrás. As medidas eficaces do día a día para sacar a Galiza da vergoña de ter fillos famentos e emigrantes nunha terra rica comportan traballo de xestión e ningún conselleiro, Delegado, Segredario Xeral e demais xente con soldos importantes vai ser quen de arrogarse o principio de ter iniciativas que signifiquen complicarlle innecesariamente unha vida na que non falta nada. A cousa é non crear situacións que requiran intervención, non amolar con traballo aos compañeiros de escano e vivir a vida desde os privilexios. É para escarallarse de risa, se non fora un asunto tan serio, ver aos galegos á cola do desenvolvemento en Europa cando non somos unha rexión que padeza cataclismos desde a era arcaica e cando todo o que nos ofrece o medio e riqueza da que non somos quen de facer bo uso.

viernes, 18 de marzo de 2011

Nacionalismo excluínte

–“Mmmuuuuuuuuuuu”!– díxolle unha vaca a outra.
–“Quítachesmo da boca”– contestou a segunda.

Deste exemplo de elocuencia comedida moito tiñan de aprender algúns políticos que se multiplican os fines de semana con declaracións tópicas e ben chistosas na procura do aplauso partidista a través dun exercicio dialéctico que por probe e sectario envilece a adicación á cousa pública.
A señora De Cospedal fai ostentación un día e outro da falta de proporción entre o seu salario e o valor das súas propostas ¿? para mellorar a situación social. A manchega leva un tempo chamando á austeridade desde a súa posición como perceptora de trescentos mil euros ao ano do erario público por practicar a descualificación e o partidismo electoralista durante toda a lexislatura sen tregua para a proposta dalgunha medida transformadora. Para calquera empresa privada sería ruinoso manter a esa recua de politicastros de tódalas cores adicados á práctica profesional e colexiada da demagoxia no canto de buscar sinerxias construtivas aínda máis necesarias no escenario actual.
A última boutade da devandita María Dolores, que xamais considerou ter errado, é a de apoiar a liña de declaracións da corrente españoleira nacionalista excluínte da Comunidade Valenciana, segundo a cal sería un erro estúpido que Blanco, actuando por electoralismo localista, desviara a un proxecto tan periférico e residual como o de Galicia fondos para o Ave que mellor estarían completando a conexión levantina.
¡Se cadra a culpa de tanto desprezo témola os galegos!. Os valencianos van comer patacas bravas de Galicia nestas Festas de San Xosé iluminadas con enerxía producida no fogar de Breogán cuxos fillos a pagamos máis cara que en ningures para máis INRI. A cousa ven de moi lonxe. Xa Isabel e Fernando impoñían aranceis á exportación dos nosos produtos para que non competiramos coas Castelas e mesmo chegaron a prohibir o tráfico co porto de Vigo para favorecer aos enclaves mediterráneos.
¡Que brutoj que son estoj gallegos, pero que ricos produjtos naturale tienen loj condenados!– escoiteille dicir a un elemento o outro día na marisquería Suso, na Coruña. Por fortuna non che son todos así, pero a clase política centralizadora que demoniza á diversidade e a vivencia lexítima da identidade de país, debería de ter máis coidado de non fomentar esa idea de nacionalismo como exclusión ou preponderancia que, de feito, en España solo foi exercitada nos últimos cincocentos anos polo poder Central.

jueves, 17 de marzo de 2011

De infidelidades

Os valores da sociedade española leva a penalizar con forza e no entorno tanto doméstico como dentro da tribo a infidelidade no seo da parella. Mesmo aínda cando detrás dos “cornos” non hai senón unha aventura carnal, confesada, dun intre, resulta que o peso da organización social e da estrutura en clans da poboación contribúe a axuizar con dureza o sexo con terceiras persoas.
Non é o mesmo ser infiel en Barcelona que en Sarreaus ou en Ribeira de Piquín. Os chismes cobran máis dimensión a partir do sentido da propiedade a respecto, sobre todo, da muller. O home enganado sente a perda da súa honra polo “uso” alleo dunha propiedade súa que lle outorgaba parte dos seus atributos aos ollos dos demais.
O maltrato doméstico por celos, fundados ou non, é unha lacra que conduce a asasinatos e lesións graves pola incapacidade do home a renunciar ao seu sentido da propiedade sobre a muller. Para moitos machos a separación, cando xa a convivencia é un inferno, non está contemplada polo que ten de renuncia a exercer o seu rol de amos. Mais non é un mal xenético, como queren dar a entender moitas voces interesada. É un tema educativo, como todo na vida dos seres humanos. Como interpretar, se non fora así, a chineses nacidos en Cuba bebendo ron e bailando no malecón baixo o lema “hai más tiempo que vida”.
Hai uns días unha amiga miña, catalá e branca, pariu un fillo negro froito da súa unión cun branco do Penedés. O home, cun perfil contrario ao dos maltratadores, chamoume, non obstante, para dicirme que se separaba. Pero todo deu un xiro rotundo cando lle dixen que un avó da súa parella era negro. A súa falta de cultura científica e tamén a do pobo no que vivía fixeron o resto. Agora seguen a vivir moi felices no seu pobo gozando do seu meniño. Antonte, namentres ceábamos na súa casa, a nai adicoume un aceno cómplice á que finxín non atender.

lunes, 14 de marzo de 2011

ÁVIDEZ DE ENERXÍA

Que lle diría o seu primo a Rajoy se Cofrentes ameazara a vida dos españois e, a longo prazo, de medio planeta tal como ocorre agora coas centrais xaponesas? O ser humano e ben estúpido. Precisa da confirmación dos temores na forma de desgracias para reconsiderar a súa ousadía cando sobrevalora o seu control sobre as forzas desatadas da natureza.
A maquinaria burocrática europea, lenta a posta para non tomar decisión ningunha que a Historia condene trinta anos despois, xúntase para tranquilizar a unha curva do electorado que ameaza con aliñarse en favor dunha esquerda que loita por resucitar. O certo é que os anarquistas e os non prosélitos, que son moitos, veñen reclamando a superación dun Sistema que basea o seu éxito no consumo desaforado e na Lei da Obsolencia Programada dos bens de Consumo que crearan os produtores de lámpadas domésticas de todo o mundo (excepto Brasil) a principios do Século XX.
Temos que vivir con menos cousas, coller menos o coche, alongar a vida dos aparellos, da roupa, do calzado, coidar as casas racionalizar o uso da auga, iluminar só o preciso, limitar as viaxes... A Humanidade non lle viu aínda as orellas ao lobo? Difícil de dixerir tanta queima de queroseno para parvadas: comité directivo dos equipos de Fútbol para asistir aos sorteos da Champions en Basilea, pontes aéreos para intervir uns minutos nun programa de televisión -para que está a videoconferencia?-, delegación do goberno e da Coroa cos seus séquitos en celebracións conmemorativas, vodas e desfiles militares, convencións de axentes comerciais para ir de putas e recibir os incentivos. O argumento e pueril: como a enerxía obtida por medios seguros non chega para manter ese ritmo de demanda en lugar de aquilatar e pór en consonancia consumo e estilo de vida os gobernos optan pola enerxía nuclear cunha visión absolutamente a curto prazo, obviando o perigo que supón un accidente sempre posible nunha soa das plantas.
Se cadra a desgracia do Xapón serve para reconsiderar as políticas enerxéticas no planeta e vivir con menos dispoñibilidade enerxética e menos despilfarro ate que os intereses das petroleiras non pesen tanto como a conveniencia de implementar os avances en materia de enerxías alternativas limpas e seguras. Outra razón pesa tamén para que a clase gobernante recupere protagonismo na elección dos sistemas de obtención de enerxía: o cambio climático. Como ocorreu co tabaco e o cancro, o certo é que as riadas, as vagas de incendios e os furacáns están a custar moito máis diñeiro do que se ingresa a través dos impostos sobre a extracción e venda do petróleo. Cada ano asistimos a cincuenta fenómenos en todo o planeta que baten récords a respecto de todo o coñecido en materia de fenómenos “naturais”.
O primo de Rajoy ten de renderse e admitir que algo raro está pasando. Para non ir moi lonxe, que llelo pregunten a andaluces e estremeños, que levan ano e medio cos pantanos máis cheos da península e o territorio anegado, salpicado de zonas catastróficas. Ou aos agricultores galegos, que andan a sulfatar acotío para que a peste negra non lles rechuma a froita e as hortalizas, cousa que só ten impacto mediático cando o urbanita atopa os tomates a prezos escandalosos. É así vivimos, des-estruturados, con pouco sentido solidario, ate que un tremor ou un escape radiactivo racha coas fronteiras e pinga a todo o mundo.

miércoles, 9 de marzo de 2011

CARTAS A ELISA (fragmento)

Ceamos no pequeno salón contiguo á lareira, desde a que nos chegaba unha calor morna e suficiente. A táboa de queixos e embutidos non tiña desperdicio: entre os primeiros, Idiazábal, de ovella, quesuco de Liébana, teto galego, manchego e, untados en torradas, Cabrales e Brie. Entre os embutidos, xamón de Teruel, chourizo de León, chacina de Langreo e salchichón pallés. Acompañamos todo cun Ribeira do Douro ben maduro. Para Susana case todo era novo. Na súa casa mataban o porco e facían viño. Da horta sacaban as hortalizas precisas para completar unha economía de autoconsumo. De modo que, exceptuando o leite e os queixos, que lle encargaban a unha curmá de San Lourenzo, apenas precisaban mercar nada na tenda.

–A partir de agora serei máis curiosa. Creo que estou a perderme moitas cousas.
–Xa estás devorando libros.
–Si, pero ademais de experimentar coa imaxinación quero facelo cos sentidos Xabier.

Susana transmitía unha gran excitación. Encantaballe descubrir recunchos inexplorados. Acompañamos a dourada cun viño que si coñecía: un mencía espeso e soberbio, matizado, froiteiro, que aguzaba aínda máis a potencia do gusto.
A miña nova invitada tomaba o seu tempo en saborealo todo e atopaba cadenciosamente parénteses que enchía de reflexións dunha esencialidade tamaña que non facían se non subliñar a súa madurez e a difícil sinxeleza coa que experimentaba unha vida plena que eu non quería contaminar por nada do mundo.
Tomamos unha augardente tostada e vella recostados no bancal, en silencio, a miña cabeza sobre o seu ombreiro e a súa cabeza sobre o meu ombreiro. De fondo soaba: "Suzanne takes you down to her place near the river... and she feeds you tea and oranges that come all away from China... and you want to travel with her, and you want to travel blind... for you´ve touched her perfect body with your mind."

jueves, 3 de marzo de 2011

TRABALLAR POR VOCACIÓN

O dicionario da R.A.E. define vocación na súa terceira acepción como una inclinación a calquera estado, profesión ou carreira.
En coherencia con esta significación forma xa parte do erario popular a afirmación de que para o bo exercicio de certas profesións e imprescindible traballar por vocación. É unha teoría que non se sostén sempre nin moito menos. Por atopar un paralelismo sería como pretender que unha persoa actúa ben ou está limpa por tomar tódalas decisións baixo os ditados da súa conciencia. Como se a conciencia non fora tan subxectiva como o seu dono. De feito moitos criminais o personaxes políticos implicados en tramas mafiosas teñen a conciencia ben tranquila e iso non é proba da súa inocencia.
Co exercicio profesional pasa algo que ten moitas puntos en común. Aínda sen negar que a vocación aporta un plus de disposición natural á entrega e de resistencia contra o desgaste, o que verdadeiramente importa para acadar a excelencia é a adquisición das mellores ferramentas e o desenvolvemento dos mellores procedementos na práctica de cada oficio desde factores de motivación que varían moito dependendo de cada individuo: a auto-realización, o gusto polo perfeccionismo, a procura do ben alleo, o enriquecemento material, a fama, a competitividade... e, como non, a vocación. Pero non como un factor sine qua non para acadar a excelencia. Sempre pesan ademais outros elementos que determinan ata onde pode chegar o desempeño óptimo dunha profesión: as aptitudes persoais, a capacidade para asimilar un entorno cambiante, o pasado, a retro-alimentación con recordos da infancia, familiares, escolares, a saúde física e psíquica.
Teño coñecido médicos vocacionais cun historial salpicado con erros dos que deixan unha pegada irreparable no paciente, por indecisións, por excesiva confianza no ollo clínico, individualismo esaxerado, vaidade, medo a exteriorizar a necesidade de axuda, obcecación, stress...
Coñezo algúns pola contra que, aínda ocupando a Medicina un segundo lugar nas súas vidas, son eficaces, sen prexuízos, ben orientados cara ó paciente, traballadores en equipo e resolutivos.
Daquela aprecio a vocación como un elemento de motivación importante, mais dentro dun contexto no que tamén contan moito eses outros factores presentes arredor do elemento aglutinador primordial, que non pode ser máis ca a resposta a un compromiso necesario contraido coa sociedade e por cuxo bo cumprimento somos remunerados.
Nestes tempos de crise e de falta de oportunidades para atopar traballos coincidentes coa propia vocación é importante ser conscientes de que un traballo ben feito, aínda que non coincida de cheo co noso perfil vocacional, pode proporcionar moitas satisfaccións: o de facer as cousas ben e tamén o de gañar o dereito a desenvolver as nosas inquietudes máis vocacionais no tempo de lecer. E algo que os da xeración nini, que non son a pretendida maioría entre os mozos e mozas de este país por moito que se empeñen os negativistas, teñen de ir asimilando.

martes, 1 de marzo de 2011

CARPE DIEM OU SOBRE A FUGACIDADE DA VIDA

O tempo para o ser humano é unha magnitude ben particular desde a súa subxectividade e nin tan sequera lineal. É a resultas de que non se trata só de vivir senón tamén do xeito como se fai e, xa que logo, do pouso que vai quedando. Unha tarde na sala de espera do médico, con todo o eterna que semella ser, non representa nada fronte á fugaz tarde de verán na que nos prodigamos bicos salgados agochados entre as dunas. O que conta é a actitude de vivencia do presente á hora de contar o tempo: a atención, a concentración, o desexo de estar noutro lugar, noutra situación, noutro estado de ánimo ou, pola contra, a instalación con tódolos sentidos na degustación de cada instante, cos seus ricos matices.
Nietsche, Kierkegaard, Schopenhauer viviron obsesionados por non ser quen de aprehender o tempo, ou sequera ralentizalo para trascender á súa condición de mortais. Todo por alimentar a ilusión por dilatar o acto de presencia da morte.
Nietsche concentraba a súa vixilia nas hortas centrais do día, cando se enlentecen os ritmos circadianos e o metabolismo e o mundo sestea arredor de nós.
Algo moi semellante acontece na sociedade actual a millóns de asiáticos e de xeito emerxente a outras economías occidentais onde tamén proliferan xa os adictos a “monetizar” o seu tempo atopando alivio para a súa ansiedade nos días festivos: cando se supón que todo o mundo e sobre todo a competencia descansa os “jobalcoholics” sacan rendemento a un tempo descontado no almanaque e enchen a artesa de prudencia e prevención.
A moitos deles téñoos coñecido logo de que a vida por medio dun golpe brutal os levou a reconsideralo todo e a entoar a destempo o carpe diem, embriagados polo sabor de experiencias pracenteiras que antes recriminaban a outros.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...