© blog: Son de Oleiros

miércoles, 25 de mayo de 2011

A Recuperación do Partido Comunista

Desde a Atalaia

A lectura que o xornalismo visible está dando dos resultados das eleccións municipais e autonómicas xira arredor do crecemento do PP e a debacle socialista. Volve a xirar todo a partir da perspectiva cainita a respecto da grande elección dos españois durante un século: ser de dereitas ou de esquerdas, encarnada nun bipartidismo que agora podemos dicir que é falso á vista dos programas e das reaccións fronte a unha crise do sistema Neoliberal que ten trincado aos Gobernos de todo o mundo e a súa capacidade real na toma de decisións.
Non é pois casual que o Xornalismo amarelo non faga sequera mención dun feito tan sobresaínte como é a recuperación do voto da esquerda real. EU, antes PC, recupera douscentos mil votos dos que fora perdendo durante vinte anos e cando hai pouco todos auguraban a súa desaparición, como antes sucedera co comunismo en Italia. Sería inconsistente descansar toda esa recuperación na deserción dos simpatizantes do PSOE. Hai unha toma de conciencia de que os grandes partidos maioritarios pensan exclusivamente en clave macroeconómica, e unha parte da cidadanía que esmigalla os programas antes de votar foi quen de percibir un alento de cordura nas propostas de Cayo Lara, aínda recoñecendo que teñen algunhas rémoras por superar o ancoramento no pasado, como é a demonización reiterativa que veñen facendo do nacionalismo periférico non excluínte e disposto a contribuír nas decisións de compensacións territoriais dentro do Estado, sempre e cando os beneficiarios non se acostumen a seren economías subsidiadas.
EU -esquerda unida- encarna, en dimensión estatal, unha opción de esquerdas desbotada polo PSOE durante vintesete anos, por ter deixado arribar a esferas de decisións a tecnócratas sen escrúpulos famentos de poder e posuídos polo vertixe que produce ter a combinación da caixa forte, cada día menos forte. A bonhomía e a dimensión de homes de Estado dos líderes socialistas foi fagocitada por esas elites con pouca altura ideolóxica, feble consistencia de principios e demasiada ambición. E o pobo ten asimilado que é entendible que a oligarquía de dereitas practique o nepotismo por tratárense dunha familia pechada. O que non perdoa son esas actitudes na presunta esquerda. Entre tanto, e a pesares desa frase tan manida como irreal e inxusta de que tódolos políticos son iguais, agardaremos o día en que EU poida acceder á responsabilidades de Goberno e así poder emitir un xuízo baseado na experiencia.

viernes, 20 de mayo de 2011

AS MOBILIZACIÓNS DO 15 M

Non andaba a Dereita a chamar, a través dos seus mass media, á rebelión popular fronte a un Goberno que afunde a España na miseria? Daquela a que veñen agora esas descualificacións prepotentes acerca dos milleiros de cidadáns manifestándose pacíficamente nas prazas de cidades de todo o Estado para dicir que todo ten un límite. Son persoas con maior ou menor preparación intelectual, pero todas elas capaces no obxectivo hixiénico e necesario de elaborar unha declaración de principios -50- inescusables para poder seguir valorando o papel do Estado e dos instrumentos democráticos sobre as razóns do Mercado e por riba dos intereses dos grandes grupos de poder.
Algunhas voces moi autorizadas de esa Dereita veñen cualificando aos manifestantes como grupos de fumados facendo botellón, e os máis exaltados -aínda presumindo da súa sabedoría histórica e da imparcialidade dos seus fundamentos teóricos, como César Vidal- denuncian a presencia da Eta detrás das manifestacións.
Esta reacción por exceso reflicte un síndrome pos-traumático no PP, que non ten aínda superado a derrota electoral do 2004, segundo eles orquestrada desde a manipulación sobre a verdadeira autoría dos atentados do 11 M. Cal e a teima agora se os manifestantes están a rebelarse nun escenario cos socialistas en posición de Goberno? Pois nin máis nin menos que os males do sistema denunciados e que lle estouparon a Zapatero nas mans foron desenvolvidos durante décadas e aguzáronse durante durante o goberno de Aznar. Entre 1996 e 2004 profundouse no desequilibrio nas fontes de creación de emprego, afianzouse a senda da sobrevaloración do inmobiliario, vendéronse ao gran capital privado as empresas públicas adelgazadas en gastos de estrutura e listas para entrar na senda dos balances positivos, deixando como herdanza á caixa común os custes das purgas. Durante o período de “bonanza” liderado por un dos instigadores da invasión de Iraq, concedéronse ademáis consolidacións de usos e prácticas aos bancos como se se tratara de dar lexitimidade á usura -Felipe González non o fixera moito mellor neste aspecto-, incumplindo toda a normativa europea; permitíronse blindaxes por lei nas Caixas de Aforros para situar a Conselleiros desde a familiaridade política, cal se foran os seus propietarios; consolidáronse maquinarias obsoletas, infrutuosas, e cun custe social determinante: o Senado, as Deputacións, Órganos Consultivos e nunca consultados, Fundacións con gastos de persoal absorbendo o total das asignacións...
A proba de que esta España precisa da remoción dun Sistema Neoliberal que destroza aos emprendedores, non ofrece oportunidades nin incentivos aos que abondan en cualificación e chupa o sangue aos que non a atesouran, a proba de que se están a facer as cousas mal porque as regras de xogo xa non serven témola nas cifras do paro, no descenso nas coberturas sociais, na perda de riqueza, no incremento das familias en estado de necesidade extrema, factores todos eles que se dan en Comunidades Autónomas gobernadas por calquera signo político en todo o Estado, exceptuando a vascos, navarros e rioxanos, onde os sectores produtivos están moito máis diversificados.
Por tanto, celebremos que ao fin os cidadáns de a pé poidan empregar a canle que teñen para dar eco ás súas reflexións, protestas, idearios e propostas, de xeito pacífico e construtivo, como están a facer. Os medios de comunicación, nas mans de oligarcas, só recollen nos seus espazos manifestacións multitudinarias, con impacto alén das nosas fronteiras e que, emporiso, causan incomodidade aos políticos illados nas súas torres de marfil e acostumados a discursos grandilocuentes e mencións aos probes dende a distancia fría e carentes de empatía verdadeira. Porque o que diferencia a un Político de un politicastro e a capacidade para pórse no lugar do outro, e para iso cumpre pisar as rúas, as lonxas, a bacas no Gran Sol, en punto morto, as cociñas de Cáritas, os talleres onde se pasa o ferro de lusco a fusco, as escavacións, os pabillóns de desahuciados, as cabinas dos recolledores de lixo ou dos transportistas autónomos que teñen de seguir traballando por baixo do nivel de rendibilidade porque ninguén lles merca un camión que lastra as súas vidas... Para iso hai que comer moita merda da de diario e non abonda con facerse a foto só do día despois en Lorca, cun bebé nos brazos, un bebé que trae o pan electoral para dar a volta ao mundo.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...