© blog: Son de Oleiros

viernes, 29 de julio de 2011

SOS desde os Concellos

O crecemento da débeda pública ten nas Corporacións Locais as súas primeiras vítimas institucionais. Unha grande parte dos Concellos van camiño da quebra se antes non o remedia o Parlamento adoptando unhas medidas que xa tardan en chegar. A redución da débeda pública é posible sen que se resinta a prestación dos servizos básicos. Para elo e imprescindible adelgazar os custes da Administración do Estado, que mantén delegacións e persoal innecesarios nas delegacións residuais aínda abertas nas CC.AA. Unha presenza que carece de sentido co nivel de transferencias ás Comunidades Autónomas actual. Ese freo ao despilfarro de medios ten de completarse coa supresión das Deputacións e do Senado, e coa concentración en unidades administrativas de tamaño coherente mediante procesos de fusión entre os concellos máis pequenos para formar unha soa cabeceira.
O Estado, o Parlamento, ten sentido como órgano que senta as regras de xogo polas que se establece a convivencia, o arbitrio de políticas de compensacións territoriais, as fórmulas lexítimas de actuación dos axentes sociais e, ao fin, o abano de dereitos e deberes do contribuínte.
Os deputados teñen a obriga, neste tempo de crise duradeira, de seren permeables a recoller os clamores populares que piden a optimización da nosa Administración Pública e máis acerto na obtención de recursos. E aquí radica o quid da cuestión. Cando xa non é suficienta cos recortes e non vai selo tampouco co aforro cumpre aumentar os ingresos non só pola vía da mellora da competitividade, que tamén, senón e sobre todo no curto prazo mediante a mellora da eficacia fiscal, por unha dobre vía:
1)incrementando os impostos sobre as grandes fortunas, cravado nun obsceno 1%
2)Perseguindo o fraude fiscal, que ao cabo do ano supón o 25% do PIB.

Os profesionais liberais declaran ao ano unha media de ingresos de 8.700 euros, fronte os 18.000 dos asalariados. Só con corrixir a metodoloxía contributiva e mellorar a función fiscalizadora abondaría para resolver nunha grande parte o problema do déficit.
Ao fin, non é decente reclamar aos Concellos a devolución de préstamos por parte do Estado e, ao mesmo tempo, desatender competencias que as corporacións locais tiveron que asumir para non penalizar prestacións básicas aos cidadáns.

miércoles, 27 de julio de 2011

Cambio nos costumes

Esta noite paseina nun Hospital recuperándome dunha cirurxía. A verdade e que aproveitei a espera para entrar no quirófano e tamén o tempo que tardaron es espertar as pernas -e algo máis- en retomar a escrita dunha novela que tiña deixada da man hai tempo. Collín carreira, con pracer, e agora vouna ir escribindo a modo. O curioso é que apaguei a luz logo dunha cura e que que me sacaran as vías ás 00:30. Pois ben, na hora seguinte puiden saber a porcentaxe de españois que condenan ao tal Ortega Cano, e tamén escoitei esborrecar aos “periodistas” do carallo que cobrar por destripar aos demais. Ademais o volume da televisión non anuncios chegaba a ser insoportable, e iso que viña de tres habitacións máis ao norte. Xa un pouco desasosegado chamei ao timbre. Apareceu un enfermeiro con forma de armario e faleille coa autoridade que ás veces da o sentirse en inferioridade física pero coa autoridade mental que da a experiencia:

–Oia, chamo porque se cadra a anestesia me fai escoitar pantasmas. Será que unhas habitacións máis aló alguén ten prendida a televisión a todo trapo?
–Non, escoita ben.
–Xa. E será que este é un hospital, hai doentes e o sensato e respectar esas horas onde os ritmos biolóxicos descenden e a falta de luz anima a buscar reparación nos soños?
–Estame a confundir, señor.
–Que apaguen a televisión, home!. Ou se non que poñan un pinganillo que estes aparellos teñen saída de auriculares.
–Verá, e que non pillan o sono se non a ven ata as dúas ou tres.

Xuro que quedei atónito. Debeume de notar algo reactivo, pois de inmediato precisou:

–Pero voulles dicir que hoxe xa e hora de ir apagando.

Mirei o reloxo: as 01:50. As 08,30 cando chegou o médico, xa eu estaba de chandal, listo para pasar revista e marchar. Preguntei no mostrador de saída polos da televisión, os da 321.

–Bo, eses ata as 11 non queren que lles levemos o almorzo.

Non sei que me amolou máis: se non ter o valor de aporrearlles a porta ou o que me dixo o bo do médico: “Non fagas deporte ata dentro de quince días”.

lunes, 25 de julio de 2011

25 de Xullo en Compostela

Hoxe en Compostela era a cita... o día de afirmación da nación galega, da nosa lingua nai, dos nosos atributos. Unha oportunidade máis de compartir camiño xuntos e tamén coa participación de representantes de pobos amigos aos que nos une una situación de vítimas de abuso de posición dominante e déficit de interlocutores válidos. Pero sen dúbida o inimigo principal contra o despegue do pobo galego hai que atopalo xa hoxe, logo de séculos sufrindo a alienación e o castigo por sermos como somos, no síndrome de Estocolmo encuberto que ten levado a xa demasiados galegos a rexeitar todo aquelo que eran propios sinais de identidade. A nosa cultura está ameazada dun xeito diferencial a respecto de outras que, tamén acosadas, estaban representadas hoxe na manifestación, porque os nosos líderes políticos e unha parte importante do noso pobo renega da nosa lingua, da nosa orixe e da nosa herdanza, ás veces como activistas belixerantes -Galicia bilingüe- e outras por omisión, pasividade, entrega irreflexiva ao colonialismo cultural maniqueo...
Poderíamos ceder ao pesimismo ¿ou realismo? e asumir que pouco futuro ten a nosa cultura se moitos dos galegos practican un reducionismo ao folclórico de toda a nosa carga identitaria. En que outro lugar do mundo podemos atopar un pobo que odie os seus atributos, que sinta vergoña deles? En ningún!. O señor Rajoy nunca fala galego porque di que para facelo mal mellor nin intentalo. Pero os polacos que veñen de intercambio dous meses marchan de aquí falando a nosa lingua. Que prexuízos impiden a Rajoy e a tantas familias que se queixan de que o galego é unha imposición aprendelo ben? Hai razóns ideolóxicas na súa estrutura profunda que frean o aprendizaxe significativo. E algo que non se lle escapa á análise da Psicoloxía Aplicada.
Ademais en Compostela falouse dun sistema produtivo superado, incapaz de dar respostas de integración social, reparto da riqueza, acceso aos bens básicos, á cultura e á información... Falouse do individualismo alienante que dispersa a capacidade da sociedade para actuar como colectivo con respostas rápidas fronte ao abuso de poder. E como conclusión, aínda sen renunciar ao ambiente festivo, percibimos con gravidade que só a mobilización do pobo pode remover dos seus postos a aqueles que pensan que gobernar é só un asunto derivado de gañar nas urnas e non unha reválida diaria. Galicia, a despensa de España, produce riqueza administrada desde e para fora. Aquí non quedan as plusvalías e o traballo dos extractores da riqueza non está posto en valor. A meirande parte dos grandes empresarios non pensaron en clave galega e tampouco os grandes administradores. É precisa a potenciación dos clusters por sectores e o fornecemento dun tecido emprendedor con alicientes para conservar a propiedade industrial, a explotación das patentes e o circuíto do diñeiro. Galicia ten de mirar ao país vasco como modelo de dinamización produtiva e tamén de distribución da riqueza e utilización dos fondos de asistencia social solidaria.
Pero xa seguiremos con estes discursos. Hoxe é un día de celebración. Só que, ás veces, un reflexiona sobre o que poderíamos ter sido e o que somos e a congoxa aparece sen remedio.

lunes, 11 de julio de 2011

UNHA TARDIÑA INESQUECIBLE

XX Xuntanza de Corais en Mera

O Sábado 9 de Xullo, coas últimas luces do día, fomos privilexiados en Mera coa actuación de tres Corais de profunda personalidade propia. É outro éxito máis da anfitriona, a Coral Polifónica de Mera, que merece a consideración de Asociación de utilidade pública, non só pola difusión que fai da música galega de autores noveles ou consagrados senón tamén pola súa vocación organizadora de encontros que permiten a públicos deste rincón da xeografía acceder ao coñecemento de sensibilidades e artes nacidas alén das nosas fronteiras, para poñer en valor a diversidade, o noso e o dos demais, e tender pontes de apreciación do que temos en común con outras culturas, que é moito. Así puidemos percibilo coas interpretacións de Cançao do mar, Samaritana e Cantigas do Maio, por parte do tan laureado Coro Polifónico de Aveiro, tamén cunha fonda formación europeísta. Tamén cargadas de emotividade foron as interpretacións das corenta voces asturianas da “Maestro Lozano”, en cuxo repertorio predominan pezas populares con outras de autores autóctonos. Non poden ocultar a atracción polas habaneras e os compases tropicais compartida coa Coral de Mera. Esta última, dirixida con luva de veludo por Yanaisy Solís, deu un paso máis adiante en complexidade na elección dos temas e no protagonismo de cada grupo de voces que, de tan ben ensambladas, semella un engranaxe tan perfecto e aparentemente sinxelo como o do corpo humano, onde só cando falla un elemento todo tende a desmoronarse.
Unha xornada para sentir, deixarse embargar polas emocións e constatar que cando o ser humano usa a súa potencia para construír é coherente coa súa verdadeira dimensión.

viernes, 8 de julio de 2011

OS LAMENTOS PEDIGÜEÑOS DE ESPERANZA AGUIRRE

Ou sobre o trato diferencial a CC.AA. e Concellos

A Sra. Aguirre di que non ten un puto duro -palabras textuais- para investir na Comunidade de Madrid, a locomotora da economía española segundo as súas estimacións. O certo é que cunha recadación formidable froito do esquema centralista das grandes empresas con produción na periferia e tamén dun modelo de asentamento en concentración, o panorama potencial apuntaría a unha capacidade de financiamento preparada mesmo para os períodos de crise máis aguda. Mais as rivalidades políticas, a cousa pública entendida como pretexto para a loita polo poder, e a deslealdade institucional cun escenario de nula sinerxia entre Comunidade Autónoma e Concello, todo elo ten levado á Sra. Aguirre a construír pontes alí onde non hai río, como fixo Fabra co aeroporto de Castellón, inédito e adicado a pista de xogos recreativos os días de lecer.
Aguirre e Gallardón pásanse polo arco do triunfo as directivas sobre porcentaxes máximos de endebedamento e recortan gastos sociais antes que pospoñer grandes obras, que non por precisas deixan de ser aprazables. Unha operación para extirpar un cancro non o é, como tampouco as axudas á dependencia ou a escolarización universal en tódalas etapas educativas, tamén na 0-3. Pero Aguirre e Gallardón contan cos votos da poboación que non sofre a exclusión social.
Namentres CC.AA. e grandes concellos poñen en perigo a caixa común do Estado; aos axuntamentos pequenos se lles transfire apenas o 50% do custe en servizos que soportan e, en moitos casos, bastante menos do que lles correspondería por capacidade recadatoria e xeradora de ingresos. Nesta España pagan xustos por pecadores, e asistimos ao paradoxo de concellos que fan os deberes coa súa economía doméstica e sen embargo ven cortada a billa da financiación namentres os Madriles e as Valencias acadan moratorias por mor do seu peso político. E aínda por riba temos que aguantar o diagnóstico da chulapa: “Non temos un puto duro”. Con razón xa se laiara a tal Aguirre de que cos tres mil cincocentos euros mensuais netos que cobraba -dietas aporte- non chegaba a fin de mes. Por iso o seu home asistiu á economía familiar, solidario, a partir dunha decisión de Aznar variando o trazado do AVE que trouxo como consecuencia a recalificación para unha manchea de Hectáreas da familia Aguirre, que pasaron de eiras illadas en terra de ninguén a seren terreos edificables en zona estratéxica.

jueves, 7 de julio de 2011

A crise de identidade e de valores na aldea global

Coa caída de muros físicos e ideolóxicos e coa implantación de Internet como unha plataforma de intercambio de información que burlaba a censura, Occidente, Oceanía e Xapón amosábanse esperanzados na consolidación imparable dos valores de convivencia pacífica, democracia, crecemento sostible e compensacións territoriais.
Sen embargo co paso do tempo o que se apuntala antes ca nada e o espírito homoxeneizador que o empapa todo. Inspira os hábitos de vida, de consumo; as relacións dos cidadáns coas Administracións, as actitudes sociais escapatorias nos ámbitos de participación... Os sinais diferenciais dos diversos entes culturais colectivos que nutren a unha humanidade cada día máis numerosa e menos complexa, dilúense ata o punto de que hoxe, desde Bergantiños a Botswana, desde a China ata Chile ou Nebraska a mitomanía, a moda e, xa na profundidade, os valores e os ideais seguen un patrón semellante que, de intenso, sufoca o substrato, esa amalgama de usos, costumes e xeitos con que cada tribo reacciona fronte a un mundo inabarcable e conxura o medo para convertelo en motor de creación.
A colonización experimenta ciclos en razón á maior ou menor capacidade de influencia detrás da cultura das potencias. Levamos xa varias décadas seguindo o paso que marcan os yanquis. Se no repertorio franquista, en calquera pobo da pel de touro soaban tonadillas andaluzas, o relevo da man do “aperturismo” levounos a asimilar as tendencias universalizadas, e a consumir a música da presunta rebeldía nunha operación de sexo, drogas e rock and roll deseñada polo poder para que a xuventude pensara que ía contra o sistema por ser, de certo, máis endogámica e gregaria. A sucesión de tendencias á carta asimilan a seguidores con raíces culturais ben diversas. E o mesmo sucede coa moda: HM ou Zara poñen a mesma roupa en 48 horas en tendas de todo o mundo. A presunta democratización da arañeira fai visibles e invisibles informacións, imaxes e aportes creativos máis por mor da habilidade dos autores no posicionamento -mercadotecnia aplicada- que pola valía real das mensaxes.
Así as cousas, agudízase un xeito de consumir a información que ten moita relación coa presa, a superficialidade, o impacto directo, a pasividade, o refuxio no anonimato, a falta de compromiso, o nulo interese por contrastar, irreflexión, atracción polo breve e pouco elaborado, friquismo illador, mente pre-xuizosa, visión en túnel, perda de noción da realidade, instalación na virtualidade, acomodo en esquemas carentes de sometemento a exame, posicionamento a carón dos fluxos dominantes...
Coas reposicións das películas de Woody Allen puiden ver o outro día a emisión de “O dormilón”, e quedei sorprendido da absoluta actualidade da proposta: un home desconxelado atópase cunha sociedade na que pensar e subversivo e ademais causa infelicidade (a pegada de Huxley no guión e evidente). Ben, esa é a sensación que un mesmo ten diante do avance do entorno global cara a des-ideoloxización e a asunción da idea que pretenden inocularnos de que temos dereito a ser felices, a ter wifi na casa, a viaxar nas vacacións e a non sentir o veleno da frustración, como se estas non foran conquistas froito do esforzo persoal nun ambiente tan competitivo como a xungla.
O movemento 15-M e calquera foro de discusión e debate sobre a realidade social son pois de agradecer nun escenario deficitario de empresas colectivas. Con independencia da súa susceptibilidade de ser mellor canalizado ou do alcance das súas actividades e tomas de decisión, a clase política, por coherencia, debería respectar cando non alentar no seno da sociedade estas vías reflexo de que aínda estamos vivos, temos pulso, temos alento, futuro e algo que dicir a respecto del.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...