© blog: Son de Oleiros

miércoles, 10 de agosto de 2011

A BOHEMIA

Onte unha das miñas fillas pediume algunha peza musical para compoñer un vídeo de despedida a un amigo que marcha a Australia cos pais.
Coñecendo o seu grao de amizade paseille música alegre e outra máis nostálxica, con letra de peso. Entre elas La Bohéme, non a de Giacomo Puccini; a de Charles Aznavour. Achegueille pezas musicais que a min me traían recordos de xuventude, cando no marco dunha relación platónica eu a miña amiga escoitabamos a Aznavour, Charles Trénet, James Taylor, a Cohen Dylan... Serrat, Pi de la Serra, Raimon, Jarcha, Víctor Jara... notas saídas dun tocadiscos mercado co meu primeiro soldo: catro mil pesetas daqueles tempos por fichar todo o fondo bibliográfico do instituto e outra cinco mil por impartir linguas mortas a universitarios e graduado escolar a policías.
Apoiabamos o altofalante nunha pena tras do Castelo de San Antón, á beira da enseada, para aclimatar a nosa entrada en calor despois de bañármonos no medio das augas do porto. Máis dunha vez estivemos a piques de sermos abordados por pesqueiros de Malpica. O día que o “Queen Elyzabeth” tivo que parar as máquinas para non machacarnos decidimos mudarnos a San Amaro, onde ademais había máis complicidade para darnos bicos salgados, polo contacto co auga do mar e tamén polos bocatas de atún, degustados con pracer.
Algunhas noites pendurabamos o aparello dunha árbore nos xardíns de Méndez Núñez e deitabámonos na herba para vivirmos xuntos a emoción. Eramos precursores do botellón sen sabelo.
O caso é que a miña filla confesoume que chorara ao escoitar por primeira vez a Aznavour.
–Papá, pero ti como non me dixeras nada de que existía este home, e Trénet e tantos outros?
–Filla, había mundo antes de “Operación Triunfo”. Un mundo que ha transcender, co paso do tempo, como tódalas cosas ben feitas.


LA BOHEMIA, Charles Aznavour

martes, 9 de agosto de 2011

A ROMARÍA VIQUINGA

Despois de corenta anos volvín á Viquinga, en Catoira. Hai un esforzo ben meritorio na posta en escena do desembarco por parte dos mozos e das mozas da bisbarra, que aínda fan máis real a fereza dos invasores a base de grolos e máis grolos de viño tinto. Os turistas de fora de Galiza son maioría armados coa cámara dos móbiles e a empurróns para ocupar o lugar máis privilexiado. Unha mágoa non ter chegado antes para subirme ás penas, ateigadas de xente.
Os viquingos desembarcan ás 13,15 e monean no campo de batalla para compor as poses que precisa como botín a xente de paso: un feixe de instantáneas que amosen que estiveron alí. E de súpeto e antes de que dean as 14 imos ficando sós -que diría Manoel Antonio- os actores e máis un grupo de galegos bebendo viño servido nos cascos dos guerreiros.
Nada máis emprender o camiño de volta descifro o enigma da espantada dos turistas no medio da representación: os postos de pementos, chourizo, queixo e polbo están ateigados de xente comendo cun apetito voraz para repoñeren forzas logo da súa presenza de unha hora como espectadores.
Non hai dúbida: a gastronomía e o aliciente turístico número un de Galiza para tanto comedoriño chegado de lonxe e que lle pon os cornos á dieta mediterránea coa Atlántica. Así se explica a dimensión formidable da intendencia alimentaria en contraste co espazo exiguo destinado á festa histórica.


viernes, 5 de agosto de 2011

O VALOR DUN PAÍS

Hai exemplos suficientes de corrupción en tódolos estamentos da sociedade: empresas de venta a domicilio con xefes entregados á coca e á adquisición de coches de gran cilindrada a partir do que sablean aos comerciais, deputados cesantes que mercan teléfonos de oitocentos euros para levar ás súas casas con cargo ás novas corporacións, alcaldes subindo o seu soldo ata un 173% en pobos nos que a xestión municipal leva camiño de ser inviable, conselleiros de Caixas intervenidas por falta de liquidez cobrando soldos de 600.000 euros e cambiando os estatutos para prorrogar a súa idade de xubilación...

As conversas e impresións nas rúas son antitéticas:
¡Haberá crise pero os restaurantes están cheos

ou ben,

Non hai un alma na rúa. ¿dónde se meteu a xente? En Agosto isto semella unha cidade pantasma.


Pero o certo é que as cifras macroeconómicas falan dun país co PIB en crecemento case que insensible apoiado na exportación e lastrado polo decrecemento do consumo interno.

As crises económicas melloran aínda máis o poder adquisitivo dos ricos e acaban por afundir aos probes. Abren unha brecha enorme entre as clases sociais. Eu distingo tres: a dos moi solventes, a dos que chegan con dificultades a fin de mes e a dos que sobreviven grazas á caridade.
O país vai mudando a súa faciana, e polo medio van quedando vítimas dunha falla de planificación e de toma de decisións inaprazables a respecto da diferencia entre o imprescindible e o superfluo. As próximas, os despachos de farmacia, que levan demasiado tempo sen percibir o diñeiro que adiantan ao laboratorios. A Administración ofrécese a ir de avalista para que lles concedan cretos ¿? pero non pon data para atender o seu compromiso de pago. Hospitais de Cataluña xa non atenden as urxencias nocturnas por falta de liquidez... persoal sanitario iniciando actitudes absentistas como protesta fronte á ameaza de privatizacións...
Coido que a sociedade española ten recursos suficientes. O problema é que están mal administrados e que, ademais, tense instalado durante dúas décadas unha filosofía de andar por casa que ten presente sempre os dereitos a vivir ben e repara pouco nos sacrificios que ilo comporta as máis das veces. A débeda pública española é a metade do que o son a de Italia ou U.S.A. No se trata tanto, pois, da magnitude do que debemos senón de crermos e facer crer aos demais que temos un plan para ir mellorando e saír fortalecidos da crise, cun novo modelo produtivo en vías de implantación e unha aposta decidida pola inversión en patentes exportables, en I+D+I e en capital humano ben preparado para poñer en práctica os avances co apoio da Administración e das Empresas,; elementos todos que, ao fin, son os que miden o valor dun país.

martes, 2 de agosto de 2011

RAMADÁN

Sonche ben chuscas as privacións ás que se someten os crentes musulmáns no Ramadán. Para eles o ano dura 352 días, de tal xeito que a data de comezo do mes de oración e xaxún varía. Así no 2011 ven caendo en días moi longos. Non é o mesmo pasar sen comer de 6 a 22 ca de 9 a 18. Porque amais a prohibición de comer é efectiva desde que se percibe a luz, unha hora e pico antes de amencer.
O caso é que os musulmáns non poden facer esforzos, piden no traballo unha dispensa para facer xornada intensiva e así reservar máis tempo para rezar, e tampouco poden experimentar o pracer sexual. ¿Pero o que é comer e beber...! Cando dan as once da noite xa están en exposición no comedor ou na cociña vinte pratos tradicionais, bebidas reparadoras e doces para o gran festín diario ao que segue unha táboa de exercicios que, aínda cunha suposta orixe piadosa, serven de ximnasia para facer mellor a dixestión de tanta vianda.
A mesma picardía amosan os cristiáns coa vixilia. Substitúen a carne por peixe -normalmente bacallau- e tan tranquilos. Iso se non son prelados, pois daquela obteñen unha bula para poder entregarse á gula. Un trato de favor pouco exemplar como tampouco o é o dado á realeza, tamén en asuntos de carne humana, declarando nulos, a conveniencia, matrimonios por non consumación, por máis que haxa fillos polo medio.
Pero para dicir a verdade os cristiáns non irían na contra dos seus mandamentos por comeren cabrito o Venres Santo. Hai unha mala interpretación das Escrituras detrás de esa prohibicións, que cando alude a non gozar dos praceres da carne está facendo referencia ao pracer sexual, incompatible coa dor solidaria co martirio de Cristo.
Eu coido que non se poden facer compartimentos estanco cos distintos desempeños do mesmo ser humano, como se a existencia do perdón e da penitencia nos concedera unha patente para compensar a maldade coa bondade a ratos. Durante o mes de Ramadán non se pode criticar, nas igrexas os cristiáns dánse fraternalmente a man, pero cando tocan ao recreo uns e outros, como as vacas nas estampidas, volven ao exercicio da inquina, a maledicencia e o egoísmo, coa tranquilidade que lles da a capacidade infinita de amor do Todopoderoso. ¿Canto dano ten producido o Teísmo na Historia da Humanidade!.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...