© blog: Son de Oleiros

sábado, 31 de marzo de 2012

O concepto de felicidade no contexto actual

O filósofo alemán Gerald Achtunroeder acostumaba argumentar que a felicidade non era mais ca a vivencia atenta do presente. Se cadra este pensamento é un lugar común entre as culturas que poñen o acento no esforzo do home máis ca na acción da providencia.
Científicos de todo o mundo levan buscando nos últimos cento cincuenta anos os segredos da eterna xuventude. Teñen falado da resilencia dos nipóns, da pureza do ar, o auga e a dieta dos pobos de montaña, sexa no Kurdestán ou nas montañas do Perú. Xa máis recentemente, coa transcrición científica do xenoma humano, a ciencia ten descuberto o que o sentido común xa ditara hai moito tempo: que a actividade cerebral e o mantemento das relacións sociais son un antídoto contra a decrepitude prematura. Pero as cousas mudan moi axiña, o entorno de hoxe non é o de onte, e o de mañá non será o de hoxe. E nese punto, na adaptación a un entorno cambiante, radica un factor determinante para poder alcanzar idades avanzadas cun control sobre a propia vida suficiente para sentirse razoablemente feliz.
As probas que nos pon por diante a reforma laboral ameazan as conquistas que nos levaron a duplicar nun século a esperanza de vida. Para mostra: xa non se pode caer enfermo o quedar preñada sen risco de perder, “procedentemente”, o emprego -namentres, Gallardón fala de ser una muller auténtica na medida en que se é nai e ao mesmo tempo dificultan a conciliación con medidas anticonstitucionais-, ser sensible a unha oferta de tres meses pode rematar co dereito acumulado con anterioridade a percibir prestación, etc., etc.
As comunidades da aldea global, bloques fabriles arrastrados a competir con deslealdade de clase, marcan ciclos económicos e épocas de crecemento mesmo alí onde se partía da miseria fronte a fenómenos de recesión onde se conquistara o benestar. Cando os chineses cheguen a cobrar cinco euros/hora (en dez anos pasaron de 0,79 a 2,80 euros/hora) volverán as implantacións produtivas ao noso chan, afrouxará o medo, a man de obra necesaria recuperará parte da capacidade negociadora e aspectos transversais que levan a vivir mellor e máis anos serán contemplados de novo.
Mais o medo deixa pegadas duradeiras e as regras de xogo veñen ditándose dende a división que esa emoción ten provocado nunha sociedade atomizada, dividida, máis individualista e, como dicía o tal Achtunroeder, cunha escala de valores low cost pouco compatible cunha mellora das expectativas de vida e sobre todo, da súa calidade para as xeracións vindeiras.

miércoles, 28 de marzo de 2012

Ausencia de exemplaridade

Chequeo urxente:
Nestes días previos á folga sindicalistas representantes das Xuntas de persoal en entes administrativos públicos de todo o Estado están a pedir horas liberadas, sindicais, coincidindo no calendario coa xornada de protesta. O efecto máis directo é que non verán mermado o seu salario por secundar o paro. Dende logo non semella un exemplo moi edificante. Outra cousa é pedir esas horas para utilización nos días previos en toda a actividade de representación dos intereses da clase traballadora. Mais se a participación na xornada reivindicativa comporta un custe para os traballadores -á marxe doutros considerandos- tamén debe supor o mesmo grao de compromiso a tódolos efectos nos representantes sindicais, como tamén sería pertinente respecto dos líderes se queremos ser coherentes e loitar polo derrubo dos privilexios empezando pola nosa propia casa.

lunes, 26 de marzo de 2012

CONCIENCIA DE ESTAR EN CRISE

É evidente que a sociedade está instalada nunha crise duradeira de máis para ser mesmo considerada como tal se non fose porque imos saír desta fase cun escenario moi distinto a aquel do fin de milenio, cando Paco Vázquez inaugurara o pirulí saudando o que consideraba un tempo pletórico, alleo ás amezas que xa se albiscaban froito da debilidade estrutural na orientación das nosas forzas produtivas.
A sociedade está tocada seriamente porque, ademais dos datos obxectivos que avalan esta afirmación, ten conciencia subxectiva dilo non só nas capas sociais máis afectadas senón tamén en tódolos estamentos, excluíndo as grandes fortunas, que atopan oportunidades nestes tempos de saldos, enrocados en posicións conservadoras.
Elles este un tempo no que se dan pasos de xigante cara un novo orde mundial, no que o mando estará concentrado nos grandes capitais, nas oligarquías que concentran os monopolios, aos que xa se subordinan os poderes políticos deseñando unha relación entre o Estado e o individuo que vai incrementando de novo a distancia entre ambos, que se reducira con moito esforzo despois das grandes guerras do S.XX. Hai unha estratexia deseñada para re-estratificar a sociedade, cun acceso a un ensino e unha sanidade privados, inxectados con medios públicos mais só accesibles á casta superior, que virá a ser a propagandista, subliminal, do novo ordenamento. Na clase media, debilitada e resignada a non aspirar a maior ascenso na pirámide, o elemento estabilizador será o medo a perder o status, a vivencia dunhas conquistas que na clase baixa se reducirán á supervivencia, co emprego total aínda con salarios ínfimos como chave, gregaria, para a paz social.
O discurso de Rajoy avala esta visión dunha sociedade na que convivirán os privilexios para as grandes fortunas, con espectáculos como os da Banca secuestrando os aforros dos traballadores namentres seguen a gañar sumas indecentes en tempos de recesión... e por outro lado a asiatización da clase traballadora, repregada pola forza especuladora contra o reló a posicións en nada garantes de dereitos adquiridos con sangue e que, no caso da muller, lévana en moitos casos a frustrar o proxecto de ser nai.

martes, 20 de marzo de 2012

A República Federal de España

Desde un contexto republicano, superando o anacronismo dunha monarquía que non debe pintar nada nunha democracia parlamentar(1), o mapa político estatal ten de superar o frenesí autonomista que tentou á clase política de medio país, vendo nas reclamacións históricas de Galeuzca unha físgoa por onde colarse como nacionalidades emerxentes.
De feito, o mapa que mellor recollería a existencia de “landers” diferenciados pola Historia, polos intereses, polas potencialidades aínda que nun sistema de compensación interterritoriais quedaría resumido en dez comunidades (fronte ás dezasete actuais), a saber:

–Galiza(2)
_Asturias e Cantabria
_País Basco
_Navarra e La Rioja
_Aragón
_Cataluña e Baleares
_Comunidade Valenciana
_Castela(3): León, Zamora, Salamanca, Valladolid, Palencia, Madrid, Toledo, Ciudad Real, Cuenca, Guadalajara, Burgos, Soria, Segovia, Ávila.
_O Sur: Andalucía, Extremadura e Murcia.
_Canarias.

Ceuta e Melilla serían enaxenadas para devolver o territorio a Marrocos, con quen cumpre tratar, por unha débeda coa Historia, para que “o irmán” de Juan Carlos de Borbón cese no xenocidio e na ocupación do Sahara Occidental.

Municipalismo: Unidades municipais dun mínimo de 10.000 habitantes e artellamento arredor da COMARCALIZACIÓN (léase a Andrés Precedo Ledo), que porá en valor todo o que teñen de común os concellos dunha rexión para ofrecer como produto de mercado: a paisaxe, os produtos agropecuarios, o modelo industrial, o viño, a sementeira do mar, etc. É unha mentalidade de unión de fortalezas para ter máis oportunidades para a exportación, a venda, a promoción turística, que supera a función burocrática e mesmo a de redistribución de recursos procedentes dos impostos e que caracterizan ás deputacións como se esas funcións non se puideran levar a cabo desde o goberno autonómico aforrando sete de cada dez euros que os entes provinciais gastan en personal e nepotismo.

_________________________

(1) E incrible ou ben a falta de memoria histórica do pobo a través da tradición oral ou ben a súa ignorancia por non querer saber da nosa Historia: ¡gaditanos vitoreando ao borbón no II Centenario da Constitución de 1812, a mesma que o tatara tataravó de Juan Carlos, o absolutista (ditador) Fernando VII tentou esmagar impondo un medievalismo contra a corrente que impulsaba a Europa e a Norteamérica cara ao nacemento das democracias modernas.
(2)Galiza, líder estatal en produción de: madeira, enerxía eléctrica, pesca, conservas, leite, barcos, renovables, textil, carne, acuicultura, automoción, xeotérmicas, pedra, patacas, ourizos, setas, castañas e mazáns para a sidra... líder estatal na ratio Produción interior bruta/propiedade autóctona. Un país enaxenado dende que os Católicos mandaban arrincar cepas e oliveiras ou prohibían o tráfico de mercancías entre os portos galegos e América para favorecer ao Mediterráneo. Nos últimos vinte anos Ferrol recibiu un trato diferencial obsceno seguindo a estela do ditador, que só tiña presente a súa terra para reprimir, pescar e folgar. En 2011 o Goberno “esqueceu” presentar en tempo e hora en Bruxelas a documentación sobre aranceis e prazos de amortización condenando a Galiza a unha incapacidade para competir cos asteleiros holandeses e xermanos. Galiza precisa ter unha voz propia no parlamento, pois mesmo os cataláns, que estaban en Galeuzca por intereses umbilicais, ningunean as inversións no noso país.
(3)¿Non é que o espectro nacionalista excluínte identificado coa dereita abandeira a reivindicación da recuperación do centralismo? Pois ben, neste mapa teñen a oportunidade de sufocar o personalismo na política para recoñecer que Toledo, Madrid, Guadalajara, Valladolid... comparten pasado secular e un destino asimilable tendo en conta valores, cultura, bagaxe e escaparates para ofrecer. Mais isto pasa por rematar cunha atomización administrativa que tivo a súa orixe no ansia viva dos partidos maioritarios por crear chiringuitos onde colocar ben aos prosélitos con alma de notarioou inspector de traballo metidos a xestores sen ningunha experiencia no manexo de recursos en situacións de crise e sen capacidade emprendedora.

jueves, 15 de marzo de 2012

GALEGOS. A Galiza do século XXI

Trátase dunha achega que desde a perspectiva do humor e o relativismo pretende trazar unhas liñas mestras que axuden a mellor comprender como somos e, tal vez, por que somos diferentes e singulares os fillos de Breogán en tantos aspectos vitais:

a nosa condición humana, o individualismo,
o contexto dunha sociedade matriarcal e machista, a indefinición, a relación dos galegos co alcohol, a maquinaria, o conxelador ... o significado da sesión vermú, a modista, a dignidade, o sexo, o feísmo, a atracción polas chapuzas, as pensións de incapacidade, o coche, o territorio, os accidentes, o subsidio, a raza galega, o paso do tempo, a morte, a lingua nai, os tacos, a saúde, o traballo, o caciquismo,
a modernidade, a melancolía.


Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...