© blog: Son de Oleiros

martes, 27 de noviembre de 2012

O PENSAMENTO ÚNICO

A serie Isabel presenta unha raíña todo ela sentimento de preocupación polos pobos que debían integrar España. A novela de Isabel SanSebastián demoniza os nacionalismos que, segundo ela, son movementos execrables nacidos no século XIX ¿?. Todo este interese ¿será casual?. Hai que andar a lembrar cansinamente que as intrigas polo poder destruíron desde Castela e León o Reino Suevo, que máis adiante, co concurso da “amable” Isabel, esmagouse o proxecto do reino de Galicia e Portugal e o desenvolvemento económico de Galiza foi estrangulado con medidas proteccionistas para outras rexións españolas -especialmente Andalucía- e que Isabel, a golpe de decretos, prohibiu o tráfico entre portos galegos e América ou mandou arrincar olivos e viñedos. A Isabel San Sebastián, que se arroga o papel de notaria da realidade asustada pola deriva de algúns pobos que queren ser soberanos ¿hai que lembrarlle que o nacionalismo galego non é ningún invento senón a reivindicación dunha conciencia de nación que foi arrincada por séculos de dominación, sangue e ditadura? ¿Hai que lembrarlle que a nobreza galega foi defenestrada e substituída por outra fundamentalmente de Andalucía e Castela? Porque Os Reis Católicos se algo sementaron en Galicia foron elementos para odiar a outros pobos da nova patria que eran tratados como fillos mentres os galegos eramos bastardos. Para colmo, a nosa obediencia resignada nos ten levado a traballar e crear artes de pesca mentres os cataláns se enriquecían á nosa costa hipotecando o noso suor con prácticas de usura.
Hai un balance histórico que tradicionalmente arrastra perdas para o primeiro reino da península ibérica. Os mesmos galegos que nos gobernaron fixérono para medrar como estadistas. Cataluña, outrora interesada na nosa integración en Galeuzca, denigra que se invista en Galiza, tradicionalmente agraviada en tódalas asignacións. O nacionalismo espurio, cuxos albores data Isabel SanSebastián no século XIX, foi desenvolvido de maneira excluínte pola “corte” de Castela, que impuxo unha lingua e unha cultura única e homoxeneizador e tentou borrar da memoria tódalas nosas raizames. Pero alá ela e a súa cohorte sectaria se seguen por un camiño a contracorrente do que debe ser o obxectivo acondicionado aos tempos: o nacemento dunha Cousa Pública compartida, dunha República, dunha federación de Estados dentro do Estado, de nacións dentro do Estado, fronte á estampa medievalista dunha monarquía hereditaria imposta por un ditador que renegaba das súas raíces.

lunes, 19 de noviembre de 2012

VENTA DE FUME

--> As súas señorías estiveron tradicionalmente moi atareadas como para poder mudar lexislacións de 1909 que permiten que o valor dunha prenda só obre en contra do hipotecado e nunca contra o banco que a valorou denantes de estimala suficiente para conceder o crédito. As súa señorías están facendo a dixestión do pato á laranxa e o gulag a prezo de taxa por levar o tupper os cativos á escola namentres a bolsa de pisos “incautados” pasa a mans de rusos e chineses incentivados, levando á desesperación aos que, por riba de ter quedado na indixencia aínda seguen a deber diñeiro.
Teño uns amigos que non gozarán das medidas “salvadoras” anunciadas con tan bó humor por Soraya o venres: o seu fillo xa ten catro anos e a medida contempla a parellas con cativos ate tres anos. Outra parella de coñecidos quedou na rúa unha semana antes da adopción de estes acordos protectores. A culpa foi do calendario, porque durante os dous últimos anos a alarma social non era bastante para facer saltar a espoleta de que había que impedir que a xente fora a vivir debaixo dunha ponte ou ateigada na casa dos abós. Seguindo as máximas de Rajoy, nunca faría falta lexislar para protexer ás familias que se quedan sen nada, porque a sociedade española constrúese, segundo el dixo en México, sobre a base dos millóns de persoas que non se manifestan. E curioso que un político saiba, mesiánicamente, dos intereses e cuitas dos seus concidadáns a través do silencio e a inexpresividade. Claro, que esa é a actitude que lle interesa a un gobernante que nunca ve a necesidade de dar explicacións e só comparece cando está obrigado por lei.
Por esa falta de empatía non é extraño que a bicefalia que nos goberna desde hai trinta anos o faga a golpe de decreto, unha fórmula que non precisa do diálogo desgastante, e que tampouco conta coa necesidade de ser sensible ao que convén ao conxunto dos cidadáns para ir adecuando as leis aos tempos. Así, o abuso da letra pequena queda inmutable para beneficio das empresas que gañan moito en tempos de bonanza e están blindadas para seguir gañando cando pinchan as burbullas que eles alimentan: os bancos, os profesionais da usura legal. Os seus esbirros no Parlamento terán logo choio cando remate a súa entrega vocacional á cousa pública e para ir tirando sacan a batería de parches do outro día que só será aplicable nun porcentaxe ínfimo de casos. É a meirande habilidade da chusma política integrada por adictos á amasar diñeiro no menor tempo posible: A VENTA DE FUME.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...