© blog: Son de Oleiros

viernes, 24 de febrero de 2012

“Público” pecha a súa edición en papel.

O peche dunha edición impresa por parte dun xornal vai ser unha constante nos vindeiros anos. Un cúmulo de circunstancias, unhas xa de longo percorrido e outras de novo cuño, contribúen a que sexa así:
1,- O prezo disparatado do papel
2,- O peso relativo, in crescendo, da man de obra respecto da precisa para a edición dixital
3,- O descenso da recadación por publicidade, acusado tralo estoupido da crise e o peche de liñas enteiras de actividade empresarial. Neste senso “Público” viña pagando ademais unha peaxe ben perceptible polo seu compromiso ético de non insertar anuncios de prostitución.
4,- O custes insoportables dunha distribución baseada na queima de combustibles fósiles.
5,- O descenso de nº de compradores potenciais paralelo ao incremento do nº de lectores por unidade en circulación.
A todo isto compre engadir o feito de que Público é un medio que foxe da tendencia ao uso do sensacionalismo, preconiza o xuízo crítico desperto como ferramenta previa ao contacto cos contidos e, aínda por riba, fai unha aposta clara por un pensamento de esquerdas, progresista, que non ten relacións directas co poder nin se alimenta del.

Un medio así só pode sobrevivir reducindo os gastos fixos de estrutura e amplificando a labor periodística dos seus autores a través de soportes universais e gratuítos ao tempo que concitando os aportes abertas e anónimas a través dunha conta transparente que fagan posible a continuidade dun medio que, sen dúbida, non ten no lucro nin tan sequera un obxectivo menor.
Cos seus erros e cos seus acertos, “Público” é un proxecto necesario no que debe ser una mapa xornalístico plural, nun escenario do século XXI. Por iso demandamos á súa dirección desde esta páxina humilde unha dirección desde dentro do xornal, colexiada, máis ambiciosa e empática cos seguidores leais, para asegurar a súa supervivencia como plataforma na que expresar a discrepancia con outras correntes de opinión.
Larga vida pois á edición dixital de "Público".

martes, 21 de febrero de 2012

A orixe das novas "revoltas"

O xefe da policía valenciana que ven de cargar indiscriminadamente mesmo contra raparigas que pasaban por alí coas súas nais cualifica aos manifestantes como o inimigo que nunca debe saber da dimensión real da forza policial. Ao representante dos estudantes que van con mantas ás aulas tivérono trinta horas no calabozo logo de mallar nel e acúsano de furto por terse agarrado á cabeza dun axente na súa caída e quitarlle a gorra.
O poder quere silenciar as protestas da poboación civil a golpe de porras antes de que poida tomar conciencia de que as mobilizacións non son inútiles e teñen un efecto máis cedo ou máis tarde na credibilidade do Goberno e dos seus paquetes de medidas. O certo é que os recortes están afectando á clase media e aos Sistemas de Saúde e Educación no canto de teren sido tomadas medidas máis efectivas que efectistas: supresión de centos de fundacións nicho de clientelismo político, supresión das deputacións e do Senado, integración de concellos, ponderación do número de conselleiros nas grandes empresas, eliminación de coches oficiais, incompatibilidade para percibir máis de unha pensión por parte da Seguridade Social, tributación da Igrexa, embargo dos bens aos corruptos para devolvérllelos á sociedade... As grandes empresas tributan menos que un mileurista, e aos bancos permíteselle enganar a centos de impositores que non poderán recoller os seus aforros ate o ano tres mil. Namentres o responsable máximo do endebedamento da Comunidade Valenciana en asuntos como a Fórmula Un e a visita do Papa -pagáronse trinta euros por aluguer de cada cadeira- é premiado cun novo cargo administrativo asignado con 86.000 euros, 7.200 euros ao mes fronte aos mil catrocentos dos que daban as hostias onte aos seus fillos e aos fillos dos amigos e veciños. Non é edificante nin tranquilizador namentres moitas das empresas e traballadores que aínda non teñen quebrado camiñan con relacións fora de convenio de facto e o estado de benestar da pasos de xigante cara ó escenario da España exhausta de posguerra. Necesitamos a complicidade do Goberno -e das forzas do orden- tanto como eles necesitan a nosa, a da poboación civil disposta a sacrificarse sempre e cando ese sacrificio sexa compartido compensatorio para evitar a indigna situación de vivir por debaixo do umbral da pobreza nos tempos de maior desenvolvemento tecnolóxico e industrial... e necesitamos que os ladróns e criminais que usaron o poder para o seu propio enriquecemento vaian a parar cos osos no cárcere.

lunes, 13 de febrero de 2012

ARBORES QUE SE COMUNICAN COMO NEURONAS

"Os plátanos marcan os catros paseos de lousa que conflúen na fonte do desexo. Estamos a falar da Praza de Azcárraga, que cando se chamaba Praza da Fariña era o centro xeográfico de A Coruña. Espetados no chan, estes exemplares de tamaño singular alongan as súas ponlas como se quixeran desafiar a distancia que os separa para tocarse, ao fin, no ceo e manter conversas interminables nas noites estrelecidas do frío inverno. No verán, unha nova cuberta de follas dará teito e sombra ao viaxeiro, ao paseante, a nenos e vellos que atoparán a frescura da vida anovada e o arrecendo ás alamedas"

Título: "Arbores que se comunican como neuronas"
- 3º Premio no concurso "Árbores, patrimonio vivo", convocado pola Delegación Institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, co apoio do Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (CSIC) e a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), a colaboración da Fundación Barrié e o financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación-

Autor: Santiago Casal Quintáns

jueves, 9 de febrero de 2012

ALARMA SOCIAL. A INHABILITACIÓN DE GARZÓN

Os xuíces Varela e Marchena e os seus cómplices conspicuos e vitalicios no Tribunal Supremo en aras a respectar os dereitos dos criminais veñen de conculcar os de quen os persegue. As intervencións das conversas dos acusados na trama Gürtel cos seus avogados estaban tan autorizadas como as dos asasinos de Marta del Castillo co propósito de coñecer onde agocharan o cadáver. A “Xustiza” esta politizada. Os dereitos que son pois conculcados coa sentencia son os do propio Garzón, exquisito nos procedementos. Aguirre di que estamos diante dun día moi feliz para o Estado de dereito porque os fins non xustifican os medios. Varela e Marchena son instrumentos para defensa dos postulados do partido que volve a pechar filas e alegrarse da exculpación de Camps, por máis que o ex presidente deixara baleira a caixa da Comunidade para favorecer os negocios de O Bigotes, Correa, Crespo, Urdangarín, o xenro de Aznar, etc., etc.
A vinganza de Varela, Marchena e os demais membros do tribunal Constitucional é a afirmación do seu complexo de inferioridade desde a percepción de si mesmos como meros burócratas fronte a un modelo de xuíz que ten queimado a vida e a saúde na loita por que ningún transgesor da lei se sinta inmune por máis poder que teña: narcos, ditadores, banqueiros e políticos corruptos, organizacións criminais... Se Garzón non tivera existido o momento da “Xustiza” sería hoxe outro. A infame decisión dos mediocres membros do Tribunal Supremo deixa en mal lugar o prestixio do país na esfera internacional e só a mobilización popular dunha decisión que crea alarma social profunda pode restituir a credibilidade do noso sistema.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...