Os Urquiola, Mar Exeo, Erkovitz,
Prestige... o “accidente” ferroviario de Angrois non sucederon
por casualidade. Teñen máis que ver coa falta de prestixio dunha
nación, a galega, pisoteada e que non é respectada sistematicamente
nin a nivel internacional, en Bruxelas, nin no contexto estatal: a
Historia amosa documentalmente o abuso de poder e o trato diferencial
contrario ao dinamismo do pobo galego para favorecer intereses do
centro e doutras comunidades. Así, foron arrasadas oliveiras e
viñas, pechados portos ao tráfico con América, favorecidos
arancelariamente e con carga de pedidos outros centros de produción
privilexiado fronte aos galegos... o sector agropecuario e leiteiro
foron desprotexidos fronte a operacións invasoras do capital
estranxeiro mesmo favorecidas desde a clase política...
O accidente de Angrois está nesa liña
de trato diferencial a Galiza, ao desprotexer dos sistemas de
seguridade aplicados en toda a rede estatal de Alta Velocidade, de
súpeto, por aforrar catro cadelas nunha inversión multimillonarias,
un tramo de catro quilómetros cun punto recoñecido como negro polos
especialistas e a Administración. A redución desde os 220
quilómetros por hora ate os oitenta logo dun percorrido
practicamente en recta desde Ourense queda supeditado exclusivamente
á actuación dun único maquinista e as súas circunstancias.
Ese elemento diferencial no trato que
recibe Galicia, relacionado coa nosa incapacidade para facernos
respectar, é o mesmo que inspira as críticas dos contertulios de
Ana Rosa Quintana o do programa de Luis Herrero hacia o Presidente
Feijóo por dirixirse en galego aos cidadáns de Galiza. Os programas de Ana Rosa,
Luis Herrero e os que desprezan así a Galiza son copartícipes do
proceso que leva a Administración a considerarnos cidadáns de
segunda dentro do Estado e a levarnos, ao fin, pola senda desas
desgrazas atribuídas ao destino e que non son outra cousa que a
consecuencia do abuso centralista e o desprezo institucional e dos
medios da corte.