Mesmo os xenocidios son a virtualidade
para unha sociedade decadente e insensible fronte ao dolor alleo,
nunha Cultura na que ninguén semella sentirse parte do universo
humano. Non se falará de Gaza, outra vez, en pouco tempo, e moito
menos aínda de Sudán e de toda a África subsahariana. O Goberno
de España está secuestrado na súa ética, no seu deber de defensa
dos dereitos humanos, polo abuso de posición dominante dos países
acredores. A China masacrou á quinta parte dos tibetanos, pero
Margallo, Rajoy e Gallardón din que non temos competencias para
condenar e moito menos para acusar a outros gobernos soberanos de
nada. Tiveron presa en sacar da circulación a Garzón, mediante un
tribuna de xuíces elixidos polo Partido mentres os altos cargos do
PP implicados na Gürtel seguen nos seus postos. Será que a Lei de
Xustiza Universal molesta á marca España, como din eles? Ao fin, a
poboación civil é a que ten de artellar mecanismos de loita contra
os crimes de Estado a través de Organizacións non Gubernamentais e
presentándose, se é preciso como acusación particular para tentar
calmar a negritude mental, a depresión que produce ver como os
xenocidas actúan impunemente e sen temor ningún contra os máis
febles.
Temos de botar do Goberno aos que
antepoñen os intereses das empresas do Ibex, dos monopolios á
defensa do dereitos humanos. Temos de restablecer a Lei de Xustiza
Universal para denunciar diante dos Tribunais Internacionais os
crimes de lesa humanidade e levar diante dos xuíces aos seus
responsables.
Reuters. Majdi Fathi