Hoxe é o día do aburrimento nacional nos EE.UU. Unha festa que
tradicionalmente serve para desenterrar o machado de guerra no seo das
familias convencionais e para disparar as tensións, solapadas o resto do
ano, en torno ao trinchado do pavo.
A sociedade americana so atopa un chisco de
alivio para o seu tedio mortal no consumo, absoluto, de TV. e comida
lixo. A procura do deus dólar distrae nos días laborábeis o monstro do
tedio, do enfrontamento coa mesma miseria persoal. As grandes
superficies comerciais teñen substituído ás prazas públicas como puntos
de encontro social, co conseguinte menoscabo das relacións sociais.
Tal día como o de hoxe o tempo expándese,
cos americanos presos do plan familiar, que inclúe, a máis da inxestión
do pavo de marras, unhas horas de convivencia no seo da familia que se
fan mesmo eternas: semella non chegar nunca o intre de mandar aos nenos á
súa relación onanista cos aparellos electrónicos, de devolver ao
xeriátrico aos molestos avós, cos que xa non hai nada de que falar, de
despedir aos irmáns e os cuñados faltóns, ben cargados de whisky e
contaminados tamén polo bicho do aburrimento compartido.
Son enormes as secuelas do día no que se
trinchan os pavos para celebrar algo que xa cae moi lonxe nun crisol de
Estados que necesitan desta simboloxía, como da bandeira ou das guerras
colonialistas para dicir que comparten un destino. As pegadas do día
despois apuntan na dirección que interesa ao stablishment: nada hai
mellor que a adicación exclusiva e frenética á produción, á ambición
monetarista que pon orde nas vidas e tamén no doméstico: os nenos diante
das consolas, as hamburguesas na grella e o mando da TV. no sofá para
zapear polas tropecentas canles que, afortunadamente para eles,
banalizan a existencia. ¡Vivan os días perdidos no almanaque!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario