© blog: Son de Oleiros

miércoles, 6 de agosto de 2014

A saúde laboral

--> -->
Veño de participar, nestes días pasados, nun campo de traballo ben esixente para o corpo. Se non fora pola súa condición de utilidade pública teríame resultado penoso por momentos. E é que o débil barro que me constitúe nunca encontrou ese efecto reparador nas actividades que, pola súa dureza, impiden pensar en algo que non sexa a cadea de produción. Falo por experiencia: fileteando, quitando ás á pota oito horas, colocando tres liñas de sardiñas na tolva nove horas con descanso de vinte minutos, ou estibando caixas de bebidas e electrodomésticos a golpe de riles o cerebro embotábaseme tanto que ao saír da fábrica buscaba algo distractivo e venial. Non digamos cando estiven enmarañado no manexo de lagartos de 40 tm e de apisoadoras, de sombra a sombra, inventando precipicios e cavorcos: entón a obsesión era ser dilixente en meterme na cama ao dereito para descansar o mínimo e salvar a vida un día máis, o seguinte.
Vai ser que a miña historia persoal me leva a pronunciarme a favor de traballos que deixan logo un tempo compensatorio, suficiente, para encontrarse, meditar e ter contacto con outros seres, familia e amigos. A felicidade dun país está feita da suma da felicidade dos seus cidadáns tomados de un en un. Pero a precariedade, en salarios e horarios, é a tónica da nova contratación nun marco de desequilibrio entre oferta e demanda e de desamparo por parte da Administración cara aos máis débiles, traballando a destallo por un salario de supervivencia. De seguir así, a Reforma Laboral e o milagre de Rajoy van conseguir consolidar unha sociedade máis inculta, pobre e trastornada.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...