A pequena vía-rampa de acceso ao
Colexio Apostol Santiago, Adaceco, etc., que soporta un tránsito
continuado de acceso de facultativos, profesores, alumnos, pacientes
e familiares, a pé e en coches adaptados, furgonetas... transcorre
durante sesenta metros a unha altura ou desnivel sobre o chan
circundante moi considerable. Desde hai un tempo directivos dos
Centros viñan demandando da Xunta unha actuación urxente para que o
deterioro palpable da estrutura non rematara nunha desgraza.
Hoxe, dezasete de Novembro de 2014, a
calzada precipitouse dende a mediana ata o chan. Toneladas de terra
que, por segundos, non sepultaron a furgonetas que andaban a entrar
no recinto. As declaracións da Xunta aos medios -Cadena Ser, 19, 30
horas- non teñen desperdicio: “A Xunta leva xa meses estudando a
mellor forma de reparar a infraestrutura”. E un xeito perverso de
darlle a volta a un argumento palmario: A Xunta non actúa durante
meses para previr o desmoronamento da rampa de acceso a pesar da
responsabilidade en vixiando e denunciando dos usuarios e,
finalmente, se produce un desastre, evitable, que non produce
desgrazas persoais polos designios da fortuna.
Pero ese desenlace sen mortos non
exonera aos responsables da Administración, non só do mantemento
senón tamén no proceso construtivo, cando técnicos e funcionarios
decidiron que toneladas de terra recibiran as filtración de auga a
través dun pavimento ranulado para ser embolsadas a presión dentro
dun compartimento pechado por muros de carga que non ían unidos á
prancha de formigón superior con ferros. Era a crónica dun desastre
anunciado. ¡Menos mal que os sufridos técnicos e funcionarios da
Xunta levaban meses estudando como arranxar a rampa! Agora, que xa
caiu, sabémolo.
As repercusións abranguen, tamén, a suspensión temporal das actividades duns equipos de profesionais volcados nunha labor impagable con alumnos con necesidades especiais e pacientes rehabilitándose dos efectos de doenzas e accidentes sobre as súas capacidades motoras, intelectuais e de saúde emocional. O colectivo de afectados estamos moi pendientes das respostas dun sector da Administración que, como tantas veces, chegan tarde e para paliar con grandes costes un xeito de facer que non era o que conviña ao interese público.