© blog: Son de Oleiros

jueves, 14 de julio de 2016

Tempus fugit

Estamos instalados na presa, no agobio, mesmo nos momentos de lecer, tamén invadidos por esa idea emerxente de que é máis proveitoso desenvolver tarefas diversas simultaneamente no canto de concentrarse plenamente nunha soa, ainda que sexa a de rascar a barriga. Así sabemos de amigos que ven a televisión, fuchican co ordenador, consultan o móbil, comen, escoitan música e chatean a un tempo. E non por abordar tantos retos amoreados o cerebro saca mellor proveito. Hai un aspecto neurolóxico que ten que ver coa intensidade con que se experimenta unha vivencia, unha interacción e que confirma que ás neuronas e aos sentimentos que se constrúen a partir das emocións identificadas como a emerxencia química que a nosa natureza nos prodiga séntalle mellor a focalización, o deleite nunha dirección, cun motivo principal, que a confusión no marasmo que xurde da pretensión de querer exprimir o tempo, o cal é o xeito máis seguro de perdelo, rebotando na inconsistencia.

Edgar William Elgar chegou á casa canso logo dunha longa xornada de traballo. Buscou a reparación tomando conciencia do moito que amaba á súa dona  para compoñer, fundido co piano, unha das máis fermosas melodías de calquera tempo: Enigma. E trece variacións máis pensando en outros tantos amigos que daban sentido á súa vida. A grandeza de dar o que un mellor ten. A excelencia das cousas do día a día. A moitos sónalle a música celestial, e perseguen na posesión de cousas a distracción existencial. O ser humano precisa cada vez máis, no ámbito da burguesía acomodada, a vivencia do contraste, se cadra por causa de algo accidental, inesperado. Visitar os pabillóns nos que as persoas, indefensas e vulnerables, agardan ansiosamente saír do túnel siquiera un chisco por ver de coller impulso para escapar da lus cegadora é unha experiencia que axuda a valorar o que a diario pasa desapercibido: a saúde, a liberdade de movemento, a distancia coa loucura e a depresión entumecedora ate a parálise. A Coruña chorrea, nalgúns ámbitos, hedonismo adictivo de macrocentro comercial e hiperprisa impostada. A sociedade precisa reconstruirse a partir da recuperación dos valores da amistade, a tertulia, a cooperación, o emprendemento dos pequenos grandes xestos solidarios... a recuperación da vocación por crear fronte á rendición no consumo pasivo.




                                          © Salvador Dalí

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...