© blog: Son de Oleiros

jueves, 9 de febrero de 2017

Importancia do sexo

O sábado pola noite nunha cea familiar tiven que escoitar outra vez esa frase a xeito de mantra que di:

“Non sei a que ven tanta leria co sexo. Como se non houbera máis cousas na vida. Ao fin todo está inventado. O de sempre, ¡fuchicar un intre e máis nada!.

Pronunciada polos vellos podería indicar que o descenso ate mesmo a desaparición da práctica move a ningunear a súa relevancia para deste xeito sufrir menos. Pero cando se escoita de xente nova ou na madurez intensa resulta máis impactante, reduccionista, reflexo da infrapotenciación dunha capacidade formidable para dar e recibir pracer e, ao tempo, dunha fórmula de comunicación e intercambio de emocións nun estadio que pode chegar a ser tan elevado como o grao de evolución do ser humano, coa súa complexidade singular.

Se existe un código sofisticado ate o extremo para relacionármonos, ese é o da práctica sexual, e o catálogo infinito das variantes e características dese xogo, tanto no aspecto das achegas feitas desde a Mecánica, a Física ou a Química, como polas connotacións adheridas desde os eidos dos valores, a educación recibida, a cultura adquirida, etc.

Tendo en conta todas esas influencias, vou enumerar distintos tipos de prácticas sexuais entre os milleiros e milleiros posibles, tendo ademáis en conta que nunha posta en acción poden convivir varios deles, cadanseu con peso específico particular:



Sexo ximnástico, automático; sexo silencioso; inexpresivo; intensificado co uso da palabra como elemento excitador; directo, sen preámbulos, sen quencemento; sexo que se recrea nos preliminares, no camiño máis ca na meta; sexo con caricias e estímulos: táctiles, visuais, olfativos, gustativos… sexo en parella, en trío, en grupo; sexo entre homes, entre mulleres, de homes con mulleres, sexo humillante, desde o exercicio do abuso de poder, sexo para causar door; sexo para suplir carencias, para superar eivas, para encher o baleiro, para matar o tedio. Sexo susurrador, para acariñar e sentir o galope doutro corazón. Sexo compasivo, co doente terminal, co mutilado, co compañeiro cuxa fermosura se rechumiu; sexo como medio de vida ou como instrumento de chantaxe, sexo pecaminoso cargado de culpabilidade pola doutrina imposta, inoculada como un veleno; sexo sucio, autómata, innovador, inxenioso, tántrico, zen, buscador impenitente de fórmulas novas; sexo con risas e bó humor; sexo serio, grave, circunspecto, sexo como arma de guerra , de dominación, de desprezo; sexo como exercicio exquisito de veneración, pico de xade, suave na súa dureza, na homenaxe ao lugar sacro; xogo de ritmos e distancias, carreira continua, exercicio a intervalos; sexo seco e adusto; sexo húmido, suavemente mollado como o prado a carón do río…

Non é que non haxa máis cousas que sexo, pero entre todas elas o sexo é unha das máis relevantes na vida dos seres humanos, máis para uns que para outros. Asemade a lectura de obras literarias, filosóficas, científicas é moi relevante, pero semella que non para aqueles que non collen un libro en todo ou ano.



Escultura pétrea de Khajuraho
© foto: www.nadiemequiere.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...